Publicador de contidos
Publicador de contidos

O diagnóstico temperán, chave para mellorar a resposta ante o TEA

O diagnóstico temperán, chave para mellorar a resposta ante o TEA

Detectar o trastorno nos tres primeiros anos de vida é crucial para o neno e a familia

Preséntase unha guía para identificar o TEA nas escolas infantís

G24.gal 06/10/2023 15:22 Última actualización 06/10/2023 16:10

En Galicia hai 27.000 persoas con trastorno do espectro do autismo. As cifras medran cada ano, porque tamén se avanza no diagnóstico. Detectalo canto antes é fundamental, xa que pode marcar a diferenza na vida destas persoas e o seu círculo.

"É moi importante a detección de cero a tres anos, e non deixalo pasar, porque eses nenos poderían recibir xa na escola infantil e na casa apoios cos que comezar a traballar no autismo", explica Mercedes Fernández Angulo, presidenta da Federación Autismo Galicia.

Identificar o TEA nos pequenos non é sinxelo, porque o espectro é amplo e variado. Pero hai certos sinais que poden espertar as sospeitas e están descritos nestas guías para familias e profesores de infantil.

"Cando son tan pequenos, hai sinais como que non mire cando se lle chame polo nome ou que non comparte xogos moi sinxelos da primeira infancia como o cucú. Observamos certas diferenzas a nivel de desenvolvemento evolutivo", engade Cristina Couto Pena. Psicóloga da Federación Autismo Galicia.

Os sinais illados non implican TEA, pero si aconsellan unha avaliación especializada que confirme o diagnóstico. Unha porta de entrada aos programas de apoio psicolóxico e rehabilitación cognitiva que ten en marcha a Administración.

"É un desafío social e tamén sanitario, xa que as persoas afectadas deben recibir a atención que precisan e desde o sistema sanitario debemos e queremos dar resposta ás súas necesidades", afirma o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Sanitarios, educadores, familias e investigadores que, desde os seus respectivos ámbitos, loitan por adiantar o diagnóstico e mellorar así a vida das persoas con TEA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade