Un cambio de paradigma para o autismo
Un cambio de paradigma para o autismo
As asociacións reclámanlle á sociedade coñecemento, respecto e comprensión coas persoas con autismo
A metade das persoas diagnosticadas con autismo non teñen unha discapacidade cognitiva asociada
A Federación Autismo Galicia e a de Asperger celebraron unha xornada de divulgación sobre esta síndrome para que a sociedade coñeza, comprenda e respecte as particularidades das persoas con modelos coginitivos distintos.
No acto participaron persoas diagnosticadas en diferentes momentos da súa vida e contaron as súas experiencias diarias.
Sentir, pensar ou actuar fóra das normas socialmente establecidas son algunhas características das persoas coa síndrome de Asperger. O que a miúdo vemos o resto da sociedade, os neurotípicos, neles son as súas dificultades de comunicación ou interacción. María Losada estuda filoloxía clásica, Martín García é conserxe nun colexio, son neurodiverxentes e é unha condición máis das moitas que teñen.
"A min diagnosticáronmo cando tiña sete ou oito anos. Meus pais empezaron a darse de conta de que algo non cadraba", di Martín.
"Eu comportábame normal, pero para a xente non era normal", recorda María.
"Falo a cachón e pode ser que falar tanto ás veces acabe metendo a pata", asegura Martín.
"Hai situacións en que ás veces podo facer un pouco o ridículo sen darme conta porque son sincera de máis", recoñece María.
Son características que podemos ter calquera de nós pero que a eles os definiron desde cativos. As súas experiencias na escola foron diferentes:
"Tiven sorte na escola porque sempre me trataron ben, non sufrín acoso como sufriron outros", recorda Martín.
"Na universidade ben, pero no resto dos estudos: primaria, secundaria, bacharelato... moi ben non, foime complicado", lamenta María.
Precisamente a xornada que se celebrou hoxe busca un cambio de paradigma onde a sociedade respecte os diferentes modelos cognitivos.
"O tempo cura, pero no momento en que o vives e non sabes que estás facendo mal nin porque te tes que comportar doutra maneira, non o entendes", explica María.
"Queremos traballar como unha persoa máis, sabendo que temos as nosas diferenzas, pero somos unha persoa máis", asegura Martín, que traballa de conserxe nun colexio e oposita a subalterno.
As mesmas inquietudes que temos os neurotípicos, que encaixamos na norma pero quédanos aprender a valorar a diferenza.