Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta asegura que leva recollido o equivalente a 90 sacos de granulado plástico

A Xunta asegura que leva recollido o equivalente a 90 sacos de granulado plástico

O dispositivo centrouse este domingo en 56 praias de 34 concellos nas que traballaron 300 persoas

O voluntariado continúa a organizarse en distintos areais do litoral para axudar coa limpeza

G24.gal 14/01/2024 15:07 Última actualización 14/01/2024 21:12

O dispositivo de limpeza de granulado plástico da Xunta centrouse este domingo en 56 praias nas que se distribuíron 300 persoas que continúan retirando os pellets vertidos. 

"Do que fomos recollendo ao longo destes días, podo confirmar que temos arredor de 90 sacos de 'pellets'. E a isto hai que engadir uns 2.880 quilos doutros plásticos", asegura Ánxeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta.

"Segundo como estea a praia imos usando uns medios ou outros, nuns hai máis, nuns hai menos. Nalgunhas imos collendo co soprador e noutras imos cribando", explica Xosé Manuel Casal, encargado técnico de Tragsa.

Por mar, a Xunta continúa a busca de sacos enteiros e para iso bota man do servizo de Gardacostas de Galicia cos dous Pesca, catro patrulleiras, catro buques e un remolcador. Esta fin de semana recuperaron un saco e localizaron outro.

"Tamén lle temos que agradecer ao persoal do Pesca 2 que onte recolleu un saco. Puidemos ver un nas rochas en Laxe, o que sería moi complicado de non ter operativo no aire, e tamén o estamos facendo con embarcacións", salienta a vicepresidenta.

Pola súa parte, o helicóptero de Salvamento Marítimo tamén supervisou este domingo o litoral sen avistar saco ningún, segundo confirmou a Delegación do Goberno.

Traballo do voluntariado

Mentres, o voluntariado continúa a organizarse para limpar as praias afectadas. Na praia de Mera, no concello de Oleiros, o grupo naturalista Hábitat coordinou a limpeza do areal e tamén no de Rebordelo, en Cabana de Bergantiños.

Ademais de retiraren os pellets, recolleron outros plásticos e residuos depositados na area polo arrastre das mareas.

A vindeira semana continuarán as convocatorias por todo o litoral. O concello de Nigrán, por exemplo, fixo un novo chamamento á cidadanía para limpar a praia de Patos este luns á tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade