O domingo comeza a temporada de pesca fluvial
O domingo comeza a temporada de pesca fluvial
En Galicia hai máis de 40.000 licenzas para pescar nos ríos
O alto nivel de caudal condiciona peixes e pescadores
Máis de 40.000 pescadores galegos vanse botar aos ríos entre este domingo e o 31 de xullo. Neste inicio, a alta cantidade de auga que levan os leitos logo dun mes de chuvia e neve garante que haberá salmón, reo, e troita toda a campaña. Pero os grandes caudais van condicionar tanto os movementos dos pescadores como os dos peixes, e as capturas van ser máis difíciles.
A troita vai volver ser a especie máis capturada por ser tamén a máis abondosa. Para coller reo e salmón haberá que ir ás zonas próximas á costa. Aínda que a abundancia non garante que piquen.
A pesca fluvial é unha modalidade deportiva suxeita a unha estrita regulación. Este ano, na maior parte dos coutos o límite será de catro troitas por persoa e día, dous reos e un salmón. E todos cun tamaño mínimo en función da especie. Para quen queira gozar do río sen danar os animais hai cada vez máis tramos de pesca sen morte.
Como todos os anos, os grandes inimigos de peixes e pescadores volverán ser a canilonga e os furtivos.