Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Eagle Eye activa en Galicia unha operación militar que simulará unha batalla aérea sobre Noia

O Eagle Eye activa en Galicia unha operación militar que simulará unha batalla aérea sobre Noia

Máis de 3.000 efecivos do exército español, a metade deles pertencentes ao Exército do Aire e do Espazo, participan na despregadura ata o día 21 deste mes 

Cazas, fragatas e artillería antiaérea simularán unha batalla de tres días sobre ceo galego, nunha misión que serve de adestramento e que permite ensaiar a integración cos medios marítimos e terrestes

G24.gal 17/06/2024 14:43 Última actualización 17/06/2024 16:31

Canóns de artillería antiaérea protexen desde hoxe o aeródromo militar de Santiago de Compostela do que podería ser un ataque simulado de cazas inimigos. Son parte da operación Eagle Eye 24-02, que desprega en Galicia, en especial na zona do Barbanza, un operativo en que participan 3.000 efectivos. 

"A importancia de estar aquí despregados é ter un coñecemento da contorna. No caso de ameaza real, por así dicilo, xogariamos na casa", explicou Carlos Prada, xeneral de brigada adxunto OPS do Mando de Operacións.

Corenta e cinco militares da Eurofighter C.16 de Sevilla adestran o labor de Policía Aérea. O que se ensaia é tamén a coordinación cos medios terrestres e navais. A fragata Álvaro de Bazán únese con 200 efectivos e o Exército de Terra está representado coa unidade Hércules, que trae á zona do Barbanza os dispositivos de mísiles antiaéreos.

"O que tentamos é aglutinar todas as unidades para que se coordinen na defensa conxunta do sistema aéreo", declarou Enrique Belmonte, xeneral e brigada xefe do Air Operation Center (AOC).

"Para que o adestramento sexa de calidade creamos dous bandos ficticios, que simulan un enfrontamento. Haberá algún ataque simulado sobre Noia e quizais na zona do aeroporto, pero a maioría serán lonxe, sobre o Atlántico e o Cantábrico", engadiu JavierCaballero, coronel Xefe de Plans e OPS.

É a segunda vez que Eagle Eye, ollo de aguia, se desprega en Galicia. Todo un operativo destinado a estar sempre en condicións de defender a sociedade civil e a democracia en todo o territorio español.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade