O Entroido sae ás rúas de Ourense desafiando as previsións de chuvia
O Entroido sae ás rúas de Ourense desafiando as previsións de chuvia
Moitos dos desfiles houbo que suspendelos e outros aprazalos para a próxima semana
Ameazaba chuvia e as previsións non eran boas, e, aínda así, no primeiro claro, todos á rúa. Orgullosos dos seus disfraces e metidos de cheo no Entroido, hoxe repartían o tempo entre o patio e a rúa.
"Son un personaxe que se agocha por todo o mundo e hai que buscalo".
"Son dos cómics de Asterix e Obelix".
Moitos dos desfiles houbo que suspendelos, outros aprazalos para a próxima semana; e, aínda así, o ánimo non decae.
"Poderemos degustar unhas orellas de Entroido, que hai para todos, e a vivir o Entroido".
Iso os cativos, pero é que onte pola noite foi Xoves de Comadres en Verín. Festa nas rúas e restaurantes da vila para darlle a benvida á súa festa con maiúsculas.
E o certo é que isto non é máis que o quecemento do Entroido en Ourense. Este sábado saen os felos polas aldeas de Maceda, é a captura do oso en Sande e a oportunidade de ver o folión e os boteiros en Vilariño. Domingo gordo en Viana, Bande e Verín, a estrea dos peliqueiros en Laza, a saída das mázcaras en Manzaneda e toda a retranca nas rúas de Xinzo.
E con todo cómpre gardar forzas para vindeira semana, porque a festa segue en Ourense o luns e o martes de Entroido.