O escaso caudal do encoro de Belesar impide realizar actividades acuáticas
O escaso caudal do encoro de Belesar impide realizar actividades acuáticas
As ruínas de varios núcleos quedaron á vista na zona de Portomarín
Veciños e autoridades achacan o baixo nivel á maior produción eléctrica da presa
O escaso caudal do Miño permite ollar as ruínas de varios núcleos de Portomarín, como é o caso de Ferreiroá. É o resultado de que o encoro de Belesar se encontre nesta zona a un dez por cento da súa capacidade, algo inusual a comezos do verán.
Tanto as autoridades locais coma os veciños da vila atribúen esta situación non tanto á seca como a unha maior produción por parte da compañía eléctrica que explota a presa.
O baixo nivel do río supón un grave prexuízo para a zona. En especial, á hora de realizar actividades acuáticas, como é o caso da práctica do piragüismo ou mesmo un campionato de motonáutica que non se puido organizar.
Lourdes Lijó, monitora do campamento de verán de Portomarín: "Tiñamos previsto facer caiac, paddel surf e vela, pero o día antes de comezar a quenda dixéronnos que non se podía facer nada. O río está tan baixo que é moi perigoso".
Este é o segundo ano consecutivo que se produce un baleirado extremo da presa, o cal motivou as queixas por parte dos concellos que teñen ribeiras no encoro de Belesar.