Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan un pescador e un bañista desaparecidos no encoro de Belesar

Buscan un pescador e un bañista desaparecidos no encoro de Belesar

Os mergulladores da Garda Civil suspenderon a busca coa caída da noite

As desaparicións producíronse en dous puntos do encoro na mesma tarde

G24.gal 02/07/2024 19:48 Última actualización 03/07/2024 10:04

A Comandancia da Garda Civil de Lugo confirmou que os mergulladores do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) xa están nos municipios de Taboada e O Páramo para volver buscar as dúas persoas desaparecidas no encoro de Belesar, en augas do río Miño, este martes pola tarde.

Os servizos de emerxencias buscan un pescador tras caer na auga do encoro de Belesar, no Páramo. Caeu á auga cando intentaba recuperar a súa cana pouco despois das 16:30 horas. O mozo desparecido ten 26 anos e é veciño de Lugo.

O alcalde da localidade, José Luis López, explicou a EFE que “o encoro está moi cheo, había moita auga e parece ser que o rapaz non sabía nadar”. “Ía caerlle a cana, tentou collela e acabou caendo el á auga. O seu compañeiro tentou sacalo, pero non o conseguiu. Foi el quen deu a alarma”, dixo o rexedor local. Os servizos de emerxencias, confirmou, “comezaron de novo a buscalo esta mañá. De momento, nada se sabe. Só que caeu nesa zona e aínda non apareceu”.

Segundo informa o 112 Galicia, foi un amigo quen estaba pescando con el quen chamou á central de emerxencias despois de perdelo de vista.

Ao parecer, o desaparecido perdeu a súa cana e, ao tentar recuperala, caeu ao auga sen que o seu compañeiro puidese facer nada. Ademais, o alertador indicaba ao 112 que necesitaba asistencia sanitaria, pois resultou ferido mentres intentaba auxiliar ao seu amigo.

Con estes datos, a central de emerxencias solicitou a presenza de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Sarria e da Garda Civil.

Os bombeiros compareceron no lugar e realizaron un rastrexo, primeiro cuns prismáticos e logo un deles vestiuse un neopreno para buscar directamente na auga. Conseguiron localizar a cana de pescar, pero non o home desaparecido.

Con todo, ante a "falta de medios" para facer procuras de tal complexidade no encoro, segundo sinalan a Europa Press fontes dos bombeiros, deixaron os labores en mans da Garda Civil que agora coordina o operativo.

Así, o Instituto Armado enviou ata Belesar a varios mergulladores do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) e drons.

Por parte de Urxencias Sanitarias-061, mobilizou un helicóptero medicalizado con base en Ourense que aterrou no lugar e atendeu ao amigo do desaparecido.

Segunda desaparición

Tres horas máis tarde, sobre as 19:30 horas, varios particulares poñíanse en contacto coa central do 112 para alertar de que un bañista saltara á auga desde o embarcadoiro do club náutico de Ponte Mourulle, en Taboada, e viron como se afundía.

No lugar había varios bañistas e diversas embarcacións. Ao decatarse do que sucedera, trataron de localizar na auga ao desaparecido, que resultou ser un xubilado que reside no municipio veciño do Saviñao.

Tras recibir aviso do que ocorrera, a central de emerxencias alertou á Garda Civil, aos Bombeiros de Chantada, ao GES de Monterroso e á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Taboada, que dispón dunha embarcación.

Tamén mobilizou a Urxencias Sanitarias de Galicia, que enviou ao lugar a unha ambulancia e ao helicóptero medicalizado con base en Ourense. A busca do sexaxenario desaparecido, na que se utilizaron lanchas pneumáticas e outros medios técnicos desprazados ao momento, prolongouse durante case tres horas, pero sen éxito.

O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, dixo a EFE que “non é un sito perigoso”, porque é “a zona de baño natural do Club Fluvial”, onde “vai a xente para bañarse e a andar coas pedaletas”.

“É unha zona en que se baña moita xente no verán e nunca houbo problemas, pero o que non pasa en vinte anos, pasa nun día”, lamentou. Segundo o alcalde, ese lugar “perigoso en teoría non debe ser. É unha zona encorada, sen correntes. Puido ser un descoido, un mal momento, e afundiuse”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade