Mergulladores do GEAS buscan o desaparecido de Meis na desembocadura do Umia
Mergulladores do GEAS buscan o desaparecido de Meis na desembocadura do Umia
O coche apareceu preto da ponte de Covas de Lobos, en Ribadumia
O home leva unha semana en paradoiro descoñecido, non se descarta ningunha hipótese
Catro mergulladores da Garda Civil peitean as augas do Umia, ao seu paso pola ponte de Covas de Lobos, en Ribadumia. Alí apareceu hai xa unha semana o coche do desaparecido, un home de 48 anos veciño da parroquia da Armenteira, en Meis.
"O primeiro indicio foi atopar un vehículo estacionado nunha zona algo estraña. Chamamos á familia para interesarnos polo tema e viñeron poñer a denuncia ao cuartel de Cambados o pasado luns", explica Miguel Cruz Trillo, capitán da Garda Civil de Cambados.
Desde entón, axentes do Seprona rastrean as beiras da desembocadura. No dispositivo tamén participa un helicóptero da Garda Civil, que sobrevoou a zona na xornada de onte. Hoxe a busca está focalizada no fondo do río, nos últimos catro quilómetros ata a desembocadura.
"Onte desde o helicóptero se podía observar o leito do río con bastante claridade, pero puido ter prendido na vexetación ou nalgunha cova fonda, por iso estamos poñendo todos os medios que temos para ver se atopamos a persoa", engade o capitán Cruz.
O coche do desaparecido apareceu mal estacionado e ten a súa roupa dentro. O home puido caer por accidente ou vontade propia ao río, mesmo podería non estar na zona, xa que os axentes non descartan ningunha hipótese e todas as liñas de investigación están abertas.