O escritor e xornalista Ramón Pernas recibe o premio José Luis Alvite
O escritor e xornalista Ramón Pernas recibe o premio José Luis Alvite
O premiado fixo unha chamada a vertebrar a verdade combatendo loias, calumnias, fake news e manipulacións.
O xornalista Ramón Pernas recibíu este mércores, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro o Premio José Luis Alvite 2023, que lle concedeu por unanimidade a Asociación de Periodistas de Galicia (APG) por “unha longa e brillante traxectoria como articulista e columnista, ademais de exercer durante décadas, con éxito, o oficio de xornalista nas súas máis diversas vertentes”.
O acto de entrega, que a asociación fai coincidir cada ano co Día da Liberdade de Prensa, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades Román Rodríguez, acompañado pola alcaldesa de Viveiro María Loureiro García e a presidenta da APG María Méndez.
“Recibir este galardón na miña vila, en Viveiro, é como escribir o editorial do que foi a miña vida en primeira páxina”, dixo o premiado tras recibir a escultura de “A deusa de Alvite”, obra do artista ourensán Acisclo Manzano.
Un soño
“Cando aprendín a ler, aprendín a soñar e puiden ir lendo os meus soños cumpridos, moitos deles contados en columnas xornalísticas e nas páxinas das miñas novelas... Continúo soñando”, engadiu no seu discurso de agradecemento.
O Premio Alvite 2023 sentenza, segundo Pernas, que “a columna dorsal da democracia é a liberdade de prensa”, ademais de lembrar que “vertebrar a verdade, combater loias e calumnias, fake news e manipulacións, fainos cada día máis críticos, máis independentes e máis libres”.
O conselleiro Román Rodríguez encomiou “o pensamento orixinal e a visión crítica desde a reflexión e a honestidade” que caracterizou a traxectoria profesional do comunicador e literato viveirense, a quen tamén agradeceu o seu “papel como embaixador cultural de Galicia no mundo”.
A alcaldesa de Viveiro María Loureiro sinalou na súa intervención que Pernas, ao que cualificou como “cronista da historia recente de Viveiro”, nos axuda “a coñecer a nosa vila cos seus textos”: “Sempre está connosco, co seu constante labor de promoción do municipio e un traballo en favor da cultura, a dinamización e o asociacionismo”.
A presidenta da APG María Méndez destacou a función social que ten a profesión de xornalista á vez que fixo unha defensa da independencia e a liberdade de expresión necesarias para poder exercela. Falou de Pernas como “recoñecido profesional do columnismo e valor da nosa profesión”.