A escritora Julia Uceda, Premio Nacional de Poesía, falece en Ferrol aos 98 anos
A escritora Julia Uceda, Premio Nacional de Poesía, falece en Ferrol aos 98 anos
A poeta sevillana residía na parroquia de Serantes dende hai medio século
A poeta Julia Uceda (Sevilla, 1925), Premio Nacional de Poesía e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, faleceu este domingo na súa casa de Ferrol aos 98 anos.
A autora, residente na parroquia de Serantes desde hai medio século, recibiu a Medalla de Prata da cidade ao mérito cultural nun acto celebrado no teatro Jofre, onde tamén asinou no Libro de Ouro do Concello en setembro de 2022.
Trátase da máis alta distinción do consistorio, xa que a súa Medalla de Ouro se reserva a grandes personalidades, como xefes de Estado. Ademais, é Filla Adoptiva da cidade.
Doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Sevilla e catedrática de Literatura Española, a súa obra mereceu recoñecementos como o Premio Internacional de Poesía García Lorca ou o Nacional da Crítica.
Autora de títulos como Viejas voces secretas de la noche, Poemas de Cherry Lane ou Campanas en Sansueña, a súa obra foi traducida a varios idiomas e tamén exerceu como profesora no instituto Concepción Arenal.
"Profundo pesar e agarimo"
O alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela trasladou "o máis profundo pesar e agarimo" á súa familia "en nome da corporación municipal".
"O seu sinal na literatura española queda aí, o seu valioso legado fíxoa merecedora do Premio Nacional de Poesía (...) Legado que seguirá vivo na memoria e no corazón de todos os amantes da poesía", subliña nun comunicado.
O rexedor ferrolán lembra que en outubro de 2023 acompañou a autora na presentación do seu traballo Poesía completa e que foi "a primeira muller en recibir o Premio Nacional de Poesía".
"Estes máximos recoñecementos locais viñan precedidos doutros logros só á altura dos grandes nomes da literatura, un grupo no que ocupaba un lugar destacado Julia Uceda como unha das máximas representantes da Xeración do 50 (...) Ferrol sempre lembrará a Julia Uceda", conclúe.