Publicador de contidos
Publicador de contidos

O escritor xaponés Haruki Murakami, premio Princesa de Asturias das Letras 2023

O escritor xaponés Haruki Murakami, premio Princesa de Asturias das Letras 2023

É o primeiro autor nipón que obtén este galardón nas 43 edicións do Premio Princesa de Asturias das Letras

O escritor xaponés Haruki Murakami O escritor xaponés Haruki Murakami
G24.gal 24/05/2023 16:55

 

O escritor xaponés Haruki Murakami (Kioto, 1949) foi galardoado este mércores en Oviedo co Premio Princesa de Asturias das Letras 2023 ao que optaban 37 candidaturas de 17 nacionalidades entre as que figuraban as do francés Pierre Michon, o británico Julian Barnes, o italiano Erri de Luca e o español Javier Cercas.

Murakami, tamén tradutor e eterno aspirante tanto a este galardón como ao Nobel, reside en Estados Unidos e obtivo un resoante éxito internacional coa súa obra Tokio blues (1987), titulada Norwegian Wood na súa versión orixinal e que se traduciu a máis de corenta idiomas.

O primeiro autor xaponés que gaña o Princesa de Asturias das Letras nas súas 43 edicións súmase así a unha nómina de galardoados da que forman parte, entre outros, Mario Vargas Llosa, Miguel Delibes, Carlos Fuentes, Günter Grass, Arthur Miller, Doris Lessing, Susan Sontag, Paul Auster, Margaret Atwood, Leonard Cohen, Philip Roth, Richard Ford, Leonardo Padura ou o dramaturgo Juan Mayorga.

Murakami graduouse en Literatura, Música e Interpretación na Universidade Waseda da súa cidade natal. É un apaixonado da literatura norteamericana e da música anglosaxoa. Rexentou durante anos un local de jazz en Tokio, á vez que traducía ao xaponés a autores como Truman Capote, Scott Fitzgerald, J.D. Salinger ou John Irving.

O seu primeiro libro foi Hear the wind sing/Oír cantar o vento (1979), ao que seguiu Pinball, 1973 (1980), pero deuse a coñecer coa súa novela A caza do carneiro salvaxe (1982) e en 1985 chegaba A fin do mundo e a fin das marabillas.

Influenciado por escritores como Fedor Dostoievsky, Charles Dickens ou o citado Truman Capote, Murakami escribiu despois novelas como Dance, Dance, Dance (1988); Ao sur da fronteira, ao oeste do sol (1992); Crónica do paxaro que dá corda ao mundo (1994); Underground (1997); Sputnik, o meu amor (1999); Kafka na beira (2002) e After dark (2004).

Prosa sintética e cinematográfica

A súa prosa sintética e cinematográfica coa que xoga con ficción e realidade cativou millóns de lectores cunha obra en que destaca a triloxía 1Q84 (2009-10) e Despois do terremoto (2000), que sitúa a trama no terremoto que arrasou Kobe en 1995 e os ensaios De que falo cando falo de correr (2007) e De que falo cando falo de escribir (2015).

Murakami, que en 2023 publicou a súa última novela, The City and its Uncertain Walls, está en posesión de premios como o Frank Kafka (2006), o Premio Xerusalén (2009), o Noma, o Tanizaki e o Yomiuri no Xapón e en España foi distinguido coa Orde das Artes e as Letras 2009 ou o Premio Internacional de Cataluña 2011.

O das Letras foi o quinto dos oito Premios Princesa de Asturias en resolverse este ano, todos eles dotados coa reprodución dunha escultura deseñada por Joan Miró, 50.000 euros en metálico, un diploma e unha insignia e que serán entregados en outubro próximo durante unha cerimonia no Teatro Campoamor de Oviedo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade