Publicador de contidos
Publicador de contidos

O eterno debate sobre as regras fiscais, por Venancio Salcines

O eterno debate sobre as regras fiscais, por Venancio Salcines

Intentarán acadar un dobre equilibrio, redución da proporción de débeda/PIB, por un lado, e por outro manter o ritmo de investimentos

G24.gal 18/09/2023 08:13

Europa require de normas fiscais, as monetarias hai tempo que as temos. A COVID-19, que rompeu coa disciplina de gasto da Unión, xa é un vello fantasma, presente na memoria, pero ausente á hora de tomar decisións.

Pero decidir en Europa non é sinxelo. A iso se achegaron os ministros de Economía da Unión a Compostela, e segundo din avanzaron nas súas conversas, pero a realidade é que seguen sen acordos.

Dinnos que en outubro o debate estará pechado, cousa lóxica, porque a realidade é que non queda outra. O novo marco de disciplina fiscal deberá marcar os novos orzamentos, así que Europa chega a acordos antes de novembro ou imos cara a un vinte e catro baleiro, polo menos en termos fiscais. E semellante fracaso queda fóra do asumible por Europa.

O novo paraugas intentará conseguir un dobre equilibrio: redución da proporción de débeda/PIB, por un lado, e por outro manter o ritmo de investimentos necesarios para lograr velocidade de cruceiro nas transicións dixitais e ecolóxicas

Como? Parece evidente que o primeiro será buscar o superávit primario, que non prevé os investimentos. Por que? Céntrase só no encaixe do gasto corrente co ingreso corrente e deixa fóra os investimentos. Ese parámetro aínda non o logrou España, e parece lóxico que antes de chegar a puntos máis ambiciosos consigamos o máis básico

Sinxelo? En absoluto, porque aí están os gastos públicos en educación, sanidade e pensións. Os temas máis sensibles para calquera político español. Aínda que Europa asuma camiños de diversa velocidade, como así xa se intenta que ocorra, o tema nunca será menor.

O que tamén parece complexo é que Nadia Calviño poida acadar a presidencia do Banco Europeo de Investimentos. Chegamos a Compostela sen acordos pechados no Ecofin e tamén chegamos con todos os aspirantes á presidencia cheos de vida...

A vicepresidenta Calviño non deu provocado a retirada de ningún dos seus competidores e isto xoga na súa contra. Dito isto, aínda temos partido por diante, e con toda seguridade será positivo que sexa capaz de pechar regras fiscais en tempo e en forma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade