O Exército de Terra realiza unha campaña de recrutamento
O Exército de Terra realiza unha campaña de recrutamento
Unha unidade móbil en Pontevedra achega información sobre as oportunidades laborais das Forzas Armadas
O Exército de Terra realizou este mércores en Pontevedra unha campaña informativa para explicar as diferentes vías de acceso e oportunidades profesionais que ofrecen.
Unha unidade móbil do Exército de Terra está na cidade facendo labores de información e tamén de captación. Queren achegarse á cidadanía, darlle a coñecer sobre todo á xente máis nova as oportunidades profesionais que lles poden brindar se deciden ingresar nas Forzas Armardas.
Un ingreso que pode realizarse de catro formas diferentes: como militares de carreira, tanto nas escalas de oficiais coma de suboficiais, como militares de complemento ou como tropa e mariñeiría.
"Informados como tal que esteamos ao tanto e que saibamos máis ou menos ben como funciona eu creo que non", apunta unha rapaza que se achega ata o punto de información.
É unha apreciación bastante xeral. Hai descoñecemento de como acceder á profesión militar.
"Somos profesionais, é un bo posto, é un bo traballo, máis que un traballo é unha forma de vida para quen lle guste esta forma de vida e fan deporte, saen de manobra, fan exercicios, van ao estranxeiro, viaxan...", explica Erea Silvoso, sarxenta do Exército de Terra.
O que máis interese esperta é coñecer os requisitos de acceso tanto para ingresar como militar de tropa e mariñeiría como de carreira. Cobrar un salario xa dende o principio, é un dos grandes atractivos para entrar no Exército.
"Dixéronme que é un posto xa para toda a vida", di unha rapaza, "Pode ser unha boa opción ante a escaseza de saída que temos neste momento no mercado", opina unha señora que foi informarse para seus fillos.
"Aquí sacrificámonos cada día e aquí hai que loitar, ten que gustar o exército ten que gustar esta forma de vida e vivila", comenta a sarxenta.