O exalcalde pedáneo de Bembrive (Vigo) terá que ingresar en prisión
O exalcalde pedáneo de Bembrive (Vigo) terá que ingresar en prisión
A Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou o recurso presentado por Roberto Ballesteros para revisar a súa sentenza
O rexedor foi condenado a dous anos e dous meses de cárcere e a sete anos de inhabilitación por falsidade, prevaricación e malversación e acumula dúas condenas máis
Roberto Ballesteros, alcalde pedáneo da parroquia viguesa de Bembrive entre os anos 2011 e 2018, terá que entrar en prisión ao rexeitar a Audiencia Provincial de Pontevedra o recurso de súplica e a petición de revisión de sentenza. O tribunal dálle dous días de prazo para cumprir co auto.
Condenado en 2017, 2021 e 2022
O exrexedor, elixido na entidade local menor en dúas ocasións polas listas do PSOE, fora sentenciado en 2021 a cumprir unha pena de dous anos e dous meses de cárcere e sete anos de inhabilitación por un delito de falsidade, malversación e prevaricación por pagar unha obra que non existiu. Esta pena súmase a outras dúas condenas de inhabilitación: sete anos por retirarlles as retribucións aos vogais do Partido Popular na xunta veciñal de Bembrive en 2017 e outros nove por prevaricación administrativa en 2022 ao considerarse probado que adxudicou varias obras públicas a dedo por valor de 800.000 euros.
Segundo funcionario do Concello de Vigo que entra en prisión nos últimos seis meses
De materializarse a entrada en prisión de Roberto Ballesteros, será a segunda que se produce en medio ano de funcionarios do Concello de Vigo. O expedáneo de Bembrive conta cunha praza na Administración local en que cesou durante a súa condena para cargos e postos públicos. En xullo de 2023 ingresou no cárcere do Dueso o alto funcionario condenado polo enchufe da cuñada da concelleira socialista e expresidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nunha concesionaria municipal para un traballo que non existíu e polo que cobrou 108.000 euros.