Publicador de contidos
Publicador de contidos

O exceso de auga estraga a colleita de grelos, que poden escasear para o Entroido

O exceso de auga estraga a colleita de grelos, que poden escasear para o Entroido

Os produtores calculan perdas de arredor do 40 por cento da produción esta campaña

Os fungos arrasaron o cultivo en distintas áreas de produción galegas
G24.gal 18/01/2024 14:28

O desánimo anda entre os produtores de grelo: afogou con tanta auga, e pouco hai para apañar nas leiras. "Non hai nada", di Maribel Cardama, produtora en Vedra. E prognostica que este ano, o cocido "con herba será". 

Maribel calcula que perdeu a metade da produción que tiña que vir para o Entroido. O grelo quere frío, pero este ano non chegou. E con humidade e calor, os fungos arrasaron o cultivo. "Póñenselle unhas manchas amarelas -explica a produtora- e outro problema que hai é que lle ataca unha eiruga, cómeo moito e enferman máis".

Distribuidoras e envasadoras tiñan que estar a tope a estas alturas da campaña, pero hai pouco movemento. Din que é un problema xeral en Galicia, e calculan que este ano a colleita será un 40 ou 50 por cento menos que un ano normal.

Custa moito máis apañalo e seleccionar, entra pouco produto, e cren que de peor calidade. "Está moi deteriorado, e consérvase peor" explica Pepe Albela, xerente de Viparal. Di que non aguanta nun un par de días, para chegar ao consumidor en perfectas condicións. 

Di Albela que agora, aínda que deixe de chover, vai ser "moi difícil" que a planta recupere. Algo máis optimistas son en Monfero: contan con que o cultivo rexurda se deixa de chover.

"Viñeron uns días secos e xa se ve que reverdece" di Manuel González, da cooperativa Val do Xestoso. Son uns 15 produtores, e confían -di- en que "mellore a cousa".

A cooperativa ten máis demanda que produto, pero non só porque o clima estrague as colleitas: din que hai un problema co relevo xeracional. "Non temos xente nova que se anime" lamenta Francisca Couto, xerente da cooperativa. Di que a media de idade está nos 50 anos, "e esa xente tamén cultiva menos", explica.

E este ano morreu moito, así que os produtores temen non dar abastecido o mercado agora que empeza a tempada alta da demanda do grelo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade