Publicador de contidos
Publicador de contidos

O exfuncionario condenado pola contratación dunha cuñada de Carmela Silva solicita o indulto

O exfuncionario condenado pola contratación dunha cuñada de Carmela Silva solicita o indulto

O home alega que é un "delincuente primario" e que reparou o dano causado ao pagar a parte da multa que lle correspondía

G24.gal 01/02/2022 17:46

 

O exfuncionario do Concello de Vigo condenado a cinco anos e tres meses de prisión pola contratación dunha cuñada da entón tenenta de alcalde, Carmela Silva, actual presidenta da Deputación de Pontevedra, solicitou un indulto e a suspensión da orde de entrada en prisión.

O traballador, de 65 anos, foi condenado primeiro pola Audiencia Provincial de Pontevedra por prevaricación, malversación de fondos públicos e falsidade de documento mercantil, sentenza que foi confirmada o pasado 24 de novembro pola sala do Penal do Tribunal Supremo por colocar unha cuñada de Silva nunha empresa concesionaria en que cobrou por non efectuar labor ningún.

No escrito que a súa letrada remitiu ao Ministerio de Xustiza para solicitar a medida de graza, o home alega que é un "delincuente primario" e que reparou o dano causado ao pagar a parte da multa que lle correspondía. O home foi condenado a pagar 108.000 euros ao Concello de Vigo, dos cales 54.000 de responsabilidade civil xa foron aboados ao Concello.

Engade que ten unha traxectoria impecable como traballador público, que está concienciado cos dereitos sociais e que é pai de familia con avós e netos, ademais de casar o ano pasado coa súa parella.

A súa letrada asegura que se amosa "profundamente arrepentido do que fixo" e o feito de cumprir unha pena de prisión non o beneficiaría nin a el, debido a que non serviría para a súa reinserción ou rehabilitación, nin á Administración que resultou prexudicada pola súa conduta.

Solicitou o indulto xa en decembro do ano pasado e agora, en tanto que non se resolta, solicitou á Audiencia Provincial de Pontevedra a suspensión da execución da pena de prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade