Publicador de contidos
Publicador de contidos

O exseleccionador Jorge Vilda nega que coaccionase a Jenni Hermoso

O exseleccionador Jorge Vilda nega que coaccionase a Jenni Hermoso

O exseleccionador de fútbol feminino e o director de Márketing da Federación Española de Fútbol, Rubén Rivera, negaron ante o xuíz que coaccionasen a futbolista para que dixese que o bico de Rubaies fora consentido

Vilda negou que recibise instrucións ou que lle metese presión ao irmán da xogadora, aínda que si que recoñeceu que se achegou para falar con el no avión de volta do Mundial

O exseleccionador Jorge Vilda, á súa chegada a Audiencia Nacional (EFE/ Javier Lizón) O exseleccionador Jorge Vilda, á súa chegada a Audiencia Nacional (EFE/ Javier Lizón)
G24.gal 10/10/2023 12:38

O exseleccionador de fútbol feminino Jorge Vilda e o director de Márketing da Federación Española de Fútbol (RFEF), Rubén Rivera, negaron este martes ante o xuíz que coaccionasen a futbolista Jenni Hermoso para que dixese que consentiu o bico que lle deu Luis Rubiales.

Ambos declararon como investigados ante o titular do Xulgado Central de Instrución 1 da Audiencia Nacional, Francisco de Jorge, que investiga o expresidente da RFEF por agresión sexual e coaccións.

O xuíz citounos para tratar de desentrañar o grao de implicación de Vilda e Rivera nesas presuntas presións a Hermoso e á súa contorna, xunto co propio Rubiales e o director da selección masculina, Albert Luque.

Rubiales sinalou a Jorge Vilda como a persoa que acudiu ao irmán de Jenni Hermoso para que falase con ela. "Eu non sabía nin que o irmán viña no avión. Eu decateime despois porque Jorge Vilda, que viña sentado detrás miña, díxome: 'Veño de falar co irmán de Jenni, que é un tío razoable e tal, e vai falar con ela (sic)", afirmou o expresidente da RFEF, segundo os extractos da declaración que publicou o diario El Español.

Fontes xurídicas trasladan que Vilda negou que recibise instrucións ou que lle metese presión ao irmán da xogadora, aínda que si que recoñeceu que se achegou para falar con el no avión de volta do propio Mundial.  Vilda detallou ante o maxistrado que se se achegou ao irmán de Hermoso foi porque ten moito agarimo á xogadora.

Rivera, pola súa banda, estivo na viaxe a Eivisa que fixeron xogadoras da selección para celebrar a vitoria no mundial e onde a Fiscalía encadra tamén as presións a Hermoso e a súa contorna.

Rivera explicou hoxe que o seu traballo era trasladar a información da RFEF ás propias xogadoras. Ademais, negou que falase con Rubiales ou que este lle dese ningún tipo de indicación.

Vilda, Rivera e Luque debían comparecer nun primeiro momento como testemuñas, aínda que o xuíz cambiou a súa condición procesual á de investigados tras oír os testemuños do irmán e dunha amiga de Jenni Hermoso, que confirmaron as presións recibidas para xustificar o bico que Rubiales lle deu na boca tras a final do Mundial en Sydney o pasado 20 de agosto.

Días despois, as internacionais Alexia Putellas, Irene Paredes e Misa Rodríguez tamén confirmaron aquelas presións e apoiaron o relato de Jenni Hermoso.

Tras oír as versións de Vilda e Rivera, o xuíz interrogará o 16 de outubro a Luque, que será o último dos investigados en declarar, e xa en novembro comparecerán varias testemuñas, entre eles o seleccionador masculino absoluto, Luis de la Fuente, e o xa exdirector de Comunicación da RFEF, Pablo García-Cuervo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade