O Festival de Málaga premia dúas producións galegas e o actor Luís Zahera
O Festival de Málaga premia dúas producións galegas e o actor Luís Zahera
Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, fíxose coa Biznaga de Prata ao mellor documental
Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Clara Bilbao, acada o Asecan Ópera Prima
Luís Zahera leva a Biznaga de Prata a mellor actor polo seu papel en Pájaros
A XXVII edición do Festival de Málaga acaba de premiar dúas producións galegas, participadas pola TVG, e o actor Luís Zahera.
O artista compostelán acadou a Biznaga de Prata á mellor interpretación masculina, na sección oficial de longametraxes. Foi polo seu personaxe en Pájaros, de Pau Durá, que recolleu o galardón no seu nome.
Zahera enviou unha mensaxe dende Barcelona, onde se atopa traballando, agradecéndolle ao director a oportunidade de facer este papel "tan marabilloso", cun tipo de perfil que "non adoita encarnar" e dedicoullo ao seu compañeiro no filme, o tamén galego Javier Gutiérrez.
Participadas pola TVG
Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, conseguiu a Biznaga de Prata ao Mellor Documental, dotada con 4.000 euros. Producido por Xiana do Teixeiro, reflexiona sobre a vida salvaxe a través da observación dos lobos.
"Por repensar a categoría de Salvaxe desde o noso apocalipse climático, reinventando unha sensibilidade híbrida onde ollo e oído vólvense medio animal, medio humano, medio técnico, para convidarnos a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia interespecie", explica o xurado no seu ditame.
A longametraxe Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Clara Bilbao, fíxose co Premio Asecan Ópera Prima. O filme, protagonizado por Carmen Machi e Antonio de la Torre, rodouse practicamente nunha soa localización, a Escola Unitaria de San Simón da Costa, en Vilalba.
Mención especial
Ademais, na sección oficial de curtametraxes Animazine, a mención especial do xurado foi para Cafuné, dos directores galegos Lorena Ares e Carlos F. de Vigo.
Triunfadoras do certame
As películas Segundo premio e Radical coroáronse como as grandes triunfadoras do certame, ao recibir as biznagas de Ouro á mellor película española e iberoamericana, respectivamente.
Segundo premio está baseada na lenda arredor da creación dun dos discos máis populares de Los Planetas. A mexicana Radical fala do innovador método dun mestre para desbloquear a curiosidade, o potencial e o xenio do seu alumnado.