O fiscal de violencia sobre a muller fai un chamamento a denunciar as agresións
O fiscal de violencia sobre a muller fai un chamamento a denunciar as agresións
Fernando Martínez cre que é a mellor arma para loitar contra as agresións, que se incrementaron o ano pasado
O fiscal delegado para a violencia contra a muller en Galicia, Fernando Martínez, fai un chamamento a denunciar as situacións de acoso e maltrato, tanto por parte das vítimas coma da súa contorna.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Martínez analizou os datos que difundiu onte o Observatorio contra a Violencia de Xénero constatando un aumento das vítimas en 2023 e apuntou á denuncia como vía máis efectiva para acabar con estas situacións, xunto coa educación en igualdade: "Os menores mimetizan comportamentos que asumen a través de vivencias na rúa, na familia ou mesmo en Internet".
O fiscal avala o bo funcionamento do sistema Viogen de protección ás vítimas, pero apunta que hai que mellorar outros aspectos na xestión xudicial dos casos. En concreto, referiuse ao asasinato de dúas nenas en Almería a mans do seu pai esta mesma semana.
O fiscal lembrou que a lei contempla suspender as visitas aos fillos de homes inmersos nun proceso civil ou penal por violencia machista, pero esa suspensión non sempre se produce: "O que ocorre é que existe unha falsa percepción de que un agresor pode ser un bo pai".
No caso de Almería, no que había un acordo coa nai para manter o réxime de visitas, Martínez cuestiona a supervisión xudicial: "Que exista un acordo entre os pais tampouco é decisivo, porque ese acordo ten que ser aprobado xudicialmente. A cuestión é: a muller que estaba sufrindo unha situación de violencia era libre para decidir os termos dese acordo ou a súa vontade estaba viciada...?", apuntou.