Publicador de contidos

Publicador de contidos

O FMI eleva a previsión de crecemento de España ata o 1,5 % para este ano, pero baixa a de 2024

O FMI eleva a previsión de crecemento de España ata o 1,5 % para este ano, pero baixa a de 2024

O Fondo Monetario Internacional cre que a española será a economía que máis tire do crecemento na eurozona neste 2023

Con todo rebaixa o crecemento para o 2024 para situalo no 2 %

Nadia Calviño (EFE/Fernando Alvarado) Nadia Calviño (EFE/Fernando Alvarado)
G24.gal 11/04/2023 15:15 Última actualización 11/04/2023 16:38

O Fondo Monetario Internacional (FMI) estima que a economía española crecerá un 1,5 % este ano, catro décimas máis do previsto anteriormente, e confirmou que será a economía que máis impulse o débil crecemento da eurozona.

Con todo, no seu novo informe de perspectivas económicas mundiales o Fondo reduce en catro décimas o crecemento esperado para España en 2024, ata o 2 %.

Ambas as cifras están por encima da media da zona euro, que crecerá o 0,8 % este ano (1 décima máis que o proxectado anteriormente) e o 1,4 % o ano que vén (dúas décimas menos).

No informe de perspectivas económicas faise unha estimación da evolución da inflación, que en España baixará progresivamente desde o 8,3 % de 2022 ata o 4,3 % este ano, mentres que en 2024 caerá ata o 3,2 %.

Non se espera con todo que as subas de tipos de xuro que levou a cabo o Banco Central Europeo teñan efectos negativos no mercado laboral español e prevese que o desemprego continuará na súa senda descendente.

Segundo o Fondo, caerá tres décimas en 2023 con respecto a 2022, ata o 12,6 %, e dúas décimas máis o ano próximo (ata o 12,4 %). Unha cifra que aínda é moi superior á media da zona euro (6,8 % este ano).

As cifras de crecemento de España estimadas polo FMI van en liña coas proxeccións do Banco de España, que nas súas últimas estimacións sitúao no 1,6 % este ano. O Goberno español é moito máis optimista e calcula un crecemento do 2,3 % neste 2023.

Calviño cre que as previsións do FMI son "relativamente positivas"

A vicepresidenta primeira e ministra de economía, Nadia Calviño, cre que as previsións económicas do Fondo Monetario Internacional son "relativamente positivas" nun contexto internacional "volátil e complexo".

Desde Washington, Calviño sinalou que as cifras van "na mesma dirección" que outras institucións internacionais e destacou que o crecemento español "superará" o dos seus socios europeos.

Tamén valorou que o Fondo revise á baixa as súas previsións de inflación. 

Calviño recordou que a economía española vén dun forte crecemento nos dous anos pasados e que se mantén a tendencia no inicio do ano, incluso cunha "aceleración" na creación de emprego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade