Publicador de contidos
Publicador de contidos

O fume dos incendios do Canadá afecta cen millóns de estadounidenses

O fume dos incendios do Canadá afecta cen millóns de estadounidenses

Os Estados Unidos, España, Portugal e Francia ofrécenlle axuda ao Goberno canadense

Aspecto da cidade de Washington afectada pola nube de fume causada polos incendios no Canadá Aspecto da cidade de Washington afectada pola nube de fume causada polos incendios no Canadá
G24.gal 09/06/2023 08:23 Última actualización 09/06/2023 11:20

Cen millóns de estadounidenses están baixo alerta polos niveis de contaminación do aire debido aos múltiples incendios forestais no Canadá. A cidade máis afectada segue sendo Nova York, onde os medidores marcaron cifras récord de polución e volveron verse as máscaras nas rúas.

Nas últimas horas, a fumareda foise estendendo aos estados do sur e do medio leste. O presidente Joe Biden ofreceulle ao Goberno canadense apoio incondicional para combater os incendios. Tamén España, Francia e Portugal comprometeron axuda.

A fumareda foise movendo cara ao sur e ao leste do país nas últimas horas A fumareda foise movendo cara ao sur e ao leste do país nas últimas horas

A bruma ocasionada polo fume procedente dunha serie de incendios no Canadá segue expandíndose polo nordés de Estados Unidos e a calidade do aire en cidades como Washington e Nova York continúa sendo insalubre, unha situación que durará varios días.

A nube do fume causada polos incendios foi detectada visiblemente polos satélites da NASA. A través dun comunicado, a axencia aeroespacial estadouniadense explicou que aínda que o fume dos incendios forestais do Canadá adoita pasar os Estados Unidos varias veces no verán normalmente faino de xeito desapercibido, porque está relativamente alto na atmosfera e porque o vento adoita mover o fume cara ao leste e cara ao mar.

A contaminación por fume "máis significativa" desde 2002

Este non foi o caso actual e, como consecuencia dun fenómeno meteorolóxico coñecido como baixa presión costeira, o fume desviouse cara ao sur e o leste dos EUA e degradou a calidade do aire a nivel da superficie que respiran millóns de persoas.

"A contaminación por fume da superficie desde Nova York ata a rexión de DC é a máis significativa desde xullo de 2002, cando ocorreu unha situación similar", indicou o científico da NASA Ryan Stauffer.

Nun comunicado, o presidente estadounidense, Joe Biden, pediu á poboación que revise periodicamente a calidade do aire no lugar onde se atopan. "Mantéñase seguro e siga as instrucións dos seus funcionarios locais", recomendou o presidente, quen manifestou que o sucedido é "un recordo máis dos impactos do cambio climático".

Imaxe do skyline de Nova York este mércores Imaxe do skyline de Nova York este mércores

Tras as insólitas imaxes publicadas o mércores de icónicos edificios como o Empire State Building rodeados por unha nube de fume laranxa, o Capitolio estadounidense en Washington amenceu este xoves sumido na bruma.

O nivel e alerta en Washington é o máis elevado

Nunha conferencia de prensa, a alcaldesa da capital, Muriel Bowser, confirmou que a cidade subiu ao nivel de alerta cor púrpura, o máis elevado.

Por iso recomendou á poboación non permanecer no exterior e se se necesita facelo, utilizar unha máscara.

Segundo o director da Axencia de Seguridade Nacional e Manexo de Emerxencias (HSEMA), Christopher Rodriguez, non será ata a última hora do venres cando a calidade do aire empece a "mellorar significativamente", grazas a que os ventos cambiarán.

A situación mellora lixeiramente en Nova York

A calidade do aire en Nova York comezou a mellorar lixeiramente este xoves pola mañá, aínda que aínda nun nivel 5 de 6 "moi pouco saudable".

O uso de máscaras recoméndase a todos os que fagan actividades en exteriores O uso de máscaras recoméndase a todos os que fagan actividades en exteriores

O comisionado de Sanidade pediu aos cidadáns que non saian á rúa salvo que sexa "absolutamente necesario" e recomendou o uso de máscaras, como a N95, para quen teña que realizar actividades no exterior.

Filadelfia e Harrisburg, en Pensilvania, e outras grandes cidades como Baltimore, Newark, Pittsburgh, Detroit, Cleveland, Cincinnati ou Indianápolis son tamén as máis afectadas durante a xornada de hoxe.

Os problemas de visibilidade causados polo fume que cobre os ceos da rexión levaron a Administración Federal de Aviación (FAA, polas súas siglas en inglés) a deter momentaneamente os voos con destino a Filadelfia e LaGuardia e a atrasar todos os dirixidos a Newark.

O Canadá sofre os incendios e a contaminación do aire

No Canadá, aínda que a primeiras horas do xoves a calidade do aire mellorou, o Servizo Meteorolóxico prognosticou que o indicador caerá de novo a niveis de "elevado risco" en cidades como Toronto ao longo do día.

Na área metropolitana de Toronto, onde viven máis de seis millóns de persoas, unha sétima parte da poboación de Canadá, as autoridades están a recomendar que as persoas de maior idade, nenos e persoas con problemas de saúde reduzan actividades no exterior que supoñan un esforzo físico.

Mentres, dos arredor de 400 incendios forestais que seguen activos no país, case a metade está fóra de control. Só na provincia de Quebec rexístranse 150 incendios forestais.

Os lumes xa consumiron no Canadá 3,8 millóns de hectáreas de bosque en 2023 Os lumes xa consumiron no Canadá 3,8 millóns de hectáreas de bosque en 2023

Biden insistiu este xoves no seu ofrecemento ao primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, do seu "apoio incondicional" para responder aos incendios e lembrou que xa se despregaron na zona máis de 600 bombeiros estadounidenses.

Os últimos datos das autoridades canadenses sinalan que desde xaneiro as chamas consumiron 3,8 millóns de hectáreas de bosque, cando a media desde 1990 é que os incendios forestais queimen un total de 2,5 millóns de hectáreas ao ano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade