O fungo da banda marrón avanza nos piñeirais galegos
O fungo da banda marrón avanza nos piñeirais galegos
Entrou desde Asturias aos montes de Lugo e xa hai focos en toda a comunidade
A Asociación Forestal de Galicia está a tratar con cobre e aminoácidos as masas afectadas
A banda marrón causou estragos no País Vasco e en Asturias e agora xa está en Galicia. Os piñeiros afectados comezan a poñerse marróns pola parte baixa e se van debilitando a medida que o fungo seca as agullas.
"O fungo vai coloreando as acículas en bandas amarelas, laranxas, vermellas e marróns, despois secan e caen. Se a metade da arbore está afectada perderemos un 75 % do crecemento, estariamos ante un problema moi serio de produción, crecemento e obtención de madeira", explica Enrique García, enxeñeiro da Asociación Forestal de Galicia.
O piñeiro máis sensible á banda marrón é o radiata e a zona máis afectada, a montaña de Lugo. Pera a preocupación esténdese por toda a comunidade. Por iso, desde a Asociación Forestal de Galicia se están a facer tratamentos a base de cobre e aminoácidos que buscan conter a praga.
"É un tratamento biolóxico con base de cobre para deter o fungo e tamén aminoácidos. Un abono foliar que dota ao piñeiro de nutrientes para que active as defensas contra o fungo", di Jesús Cano, xerente de Galca Forestal, a empresa que subministra o tratamento.
"Organizamos o traballo segundo a localización das parcelas dos socios, e estamos a tratar máis de 500 hectáreas nas provincias de Coruña, Pontevedra e Lugo. Serán dúas mans, unha agora na primavera e outra no outono", engade Enrique García.
As rozas, as podas e os clareos son outras das medidas preventivas máis recomendadas para evitar a propagación deste perigoso fungo nas plantacións.