O Galiverso somerxido, unha viaxe para descubrir o patrimonio oculto baixo as augas
O Galiverso somerxido, unha viaxe para descubrir o patrimonio oculto baixo as augas
Desde o Museo Centro Gaiás, montados nun batiscafo e coa axuda das lentes de realidade virtual, exploraremos os fondos mariños da costa galega
Unha travesía que busca tamén concienciar sobre a importancia histórica, económica e medioambiental dos nosos mares e a necesidade de coidalos
A produción do Galiverso somerxido supuxo importantes retos para a captura das imaxes submarinas: pouca visibilidade, inmersións a gran profundidade (ata 38 metros), limitacións de tempo de traballo (10 minutos por cada inmersión), o deseño dunha cámara 360º con carcasas específicas para a gravación en estéreo e tamén a creación en 3D do batiscafo virtual desde o que se vive a experiencia.
No proxecto participaron expertos de diversos ámbitos: submarinismo, historia da arte, comunicación e divulgación, bioloxía, arte dixital, ou patrimonio, dando como resultado unha experiencia de realidade virtual pioneira en España.
Tamén participaron especialistas do Museo do Mar de Vigo e do Museo Massó de Bueu colaborando co modelado dos restos arqueolóxicos que se poden ver e manipular na experiencia virtual, como unha ánfora romana ou un astrolabio.
Ademais, realizouse un modelado en tres dimensións de diversas especies mariñas que viven nas nosas augas coa axuda de expertos en bioloxía, para asegurar o realismo tanto no seu aspecto como no seu hábitat e conduta.
Un reto especial foi a creación dun banco de 35.000 peixes (sardiñas) e a simulación do seu comportamento mediante intelixencia artificial.