O Goberno abordará este mes coas comunidades a fin das máscaras en centros sanitarios
O Goberno abordará este mes coas comunidades a fin das máscaras en centros sanitarios
"Estamos máis preto de que sexa un uso recomendado, máis que obrigatorio", asegura o ministro de Sanidade, José Miñones
O ministro de Sanidade, José Miñones, dixo este venres que antes de que termine este mes haberá unha reunión do Consello Interterritorial de Saúde para estudar a posibilidade de eliminar a obrigatoriedade do uso da máscara nos hospitais e ambulatorios.
Nunha entrevista en RNE recollida por EFE, Miñones apuntou que é un asunto que hai que abordar con "seriedade" e "rigor", e que, polo tanto, teñen que falar cos expertos e dialogar coas comunidades autónomas sobre esta asunto, a través do Consello Interterritorial.
O ministro subliñou que serán os expertos -cos informes técnicos- os que digan como proceder á súa retirada, "se de forma prolongada, definitiva ou gradual", antes de mostrarse convencido de que "estamos máis preto de que sexa un uso recomendado, máis que obrigatorio".
A última decisión será do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.
Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública cre que "hai que volver á normalidade. Refírome á obrigatoriedade. En canto á voluntariedade, que cada quen faga o que queira".
Pilar Martínez, farmacéutica di que "non obrigatoria? Se di o ministerio que así sexa, pois perfectamente. Pero si sería aconsellable que todo o mundo recordara a utilidade da máscara cando está infectado".