O Goberno admite que os apoios para aprobar uns novos presupostos "non están maduros"
O Executivo abre a porta a continuar coas contas públicas, prorrogadas o que resta de ano
O PP pídelle a Pedro Sánchez que convoque xa eleccións
O presidente Pedro Sánchez insiste en que o Goberno non se "rende" e que non renuncia a presentar un novo proxecto de Presupostos Xerais. Pero tampouco descarta seguir cos de 2023 prorrogados, "porque agora mesmo o que necesitamos é estabilidade".
Tampouco ten o apoio dos socios para aprobar unhas contas novas no Congreso e así o recoñecía o propio ministro que negocia cos grupos parlamentarios. Para Félix Bolaños, Ministro de Relacións coas Cortes, "é evidente que, a día de hoxe, os apoios para uns novos PXE non están maduros".
Para o voceiro do PP, Borja Sémper, "ao presidente do Goberno dálle igual non ter presupostos, dálle igual estar acusado por casos de corrupción que interpelan o seu Goberno, o seu partido e a súa contorna persoal; non lle importa ter unha maioría parlamentaria porque o presidente non quere gobernar o país, senón que quere estar na Moncloa".
Os populares pídenlle ao presidente que convoque xa eleccións. Tamén o expresidente Felipe González apunta nesa dirección. Nun acto público apuntou que, a primeira vez que non puido facer uns presupostos, acabou o mandato como presidente de quenda da Unión Europea e convocou eleccións. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, considera que as palabras do expresidente "xa non chegan a ningunha parte".