O Goberno amplía o reforzo escolar de matemáticas e lectura a bacharelato e FP
O Goberno amplía o reforzo escolar de matemáticas e lectura a bacharelato e FP
O Consello Escoalr do Estado recomenda que o alumnado de infantil e primaria non leven móbiles aos centros salvo causas xustificadas e que en secundaria estean apagados
En Galicia xa está en vigor a prohibición de móbiles tanto en colexios como en institutos
A ministra de Educación, Pilar Alegría, anunciou este xoves a ampliación do plan de reforzo escolar de matemáticas e comprensión lectora ao alumnado de bacharelato e Formación Profesional Básica, máis de cinco millóns de alumnos.
En declaracións á prensa tras acompañar ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na reunión da Comisión Permanente do Consello Escolar do Estado, ao que presentou este plan e as medidas para limitar o uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos, explicou que o reforzo englobará tanto os centros públicos como os concertados.
O programa da competencia matemática comezaría en terceiro de Primaria, e o de comprensión lectora empezaría en primeiro de Primaria.
Este plan "xa está moi avanzado por parte do ministerio, que quere contar coas achegas que o Consello Escolar do Estado nos queira trasladar, cuxa opinión xeneralizada foi moi positiva"; posteriormente trasladarase ás comunidades autónomas para que poidan despregalo conforme "ás súas competencias e a súa idiosincrasia".
"Falamos sobre todo de facer desdobres nas clases para que haxa unha atención máis personalizada; mellorar e dotar de maiores recursos aos centros educativos e reforzar clases extraescolares gratuítas, especialmente para os alumnos con máis dificultades", engadiu Alegría, que non concretou os recursos que acompañarán a estas medidas pois lembrou que aínda se están negociando os orzamentos xerais do Estado para o presente exercicio.
Limitación aos móbiles
A Comisión Permanente do máximo órgano consultivo en materia de Educación do Goberno tamén votou por unanimidade unha proposta na que aconsella que aos centros de Infantil e Primaria "non se leve o dispositivo móbil, salvo en casos específicos, excepcionais que teñan que ver coa saúde, coa necesidade de estar controlados".
"En Educación Secundaria, se levan os móbiles, deben manterse apagados, fóra daqueles momentos nos que, por causas educativas sexa necesario conectalos, supervisión do profesor. Sempre respectando a autonomía dos centros".
Ante a prohibición do uso do móbil, a presidenta do Consello Escolar do Estado, Encarna Cuenca, aconsellou aos colexios que "busquen alternativas de lecer". "De feito iso é algo que xa se está facendo nos centros educativos hai propostas de recuperar xogos tradicionais, xogos que teñan que ver con como promover a convivencia que os mozos", precisou.
Ata o momento hai cinco comunidades autónomas que xa prohiben o uso do teléfono móbil en horario lectivo: a Comunidade de Madrid, Galicia, Andalucía, a Rexión de Murcia e Castela-A Mancha.
O Goberno estudará as propostas deste organismo e debateraas coas comunidades autónomas na reunión do próximo 31 de xaneiro. "É un tema que nos preocupa á sociedade, ao profesorado, ás familias", polo que é necesario que haxa "unha unidade de acción e, sobre todo, haxa un consenso" para dar unha resposta, comentou Alegría.