Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno analiza limitar o desconto do combustible en transporte, agricultura, gandería e pesca

O Goberno analiza limitar o desconto do combustible en transporte, agricultura, gandería e pesca

A vicepresidenta Nadia Calviño fala de "dificultade" de adaptalo a niveis de renda, polo que valoran destinar a subvención aos sectores "máis afectados"

G24.gal 16/12/2022 13:03 Última actualización 16/12/2022 13:26

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital Nadia Calviño vinculou a prorrogación do desconto de 20 céntimos ao litro de carburante á evolución dos prezos e abriu a porta a "centralo nos sectores que se poden ver máis afectados", entre os que mencionou o transporte, a agricultura, a gandería e a pesca.

Calviño asegurou este venres que a subvención xeneralizada é unha medida "controvertida". Nunha entrevista na emisora Rac1 asegurou: "Ten un impacto fiscal moi importante e non beneficia as clases máis vulnerables", senón só a quen "ten coche", e ademais non se incentiva o aforro en carburante.

Aludiu, ademais, á "dificultade" de adecuala aos distintos niveis de renda. Contrapúxoa á bonificación do transporte público, trens de proximidade e Media Distancia para pasaxeiros recorrentes, que cualificou de ferramenta "estrela" e que por iso se estenderá durante todo o ano 2023.

Con todo, Calviño comentou que o Goberno esperará a finais de ano para tomar unha decisión e ver como se comportan os prezos do gasóleo e da gasolina.

A ministra comentou que non pode dicir "de forma totalmente taxativa" que o 31 de decembro será o último día coa subvención de 20 céntimos para todos, pero insistiu en que o Goberno sopesa "mantela" só para os sectores para os que sexa "necesaria".

En concreto, admitiu que a idea do Goberno é "centrar" esa axuda só nos sectores máis afectados, como o do transporte, a agricultura, a gandería ou a pesca, entre outros.

En definitiva, o Goberno está a traballar na prórroga do real decreto lei para paliar as consecuencias da guerra en Ucraína e a alza de prezos, que incluirá medidas que vaian dirixidas, sobre todo, aos colectivos máis vulnerables.

Sobre o novo paquete que se aprobará antes de que finalice o ano, a responsable económica do Goberno confirmou que se van incluír algunhas medidas destinadas a aliviar a alza dos alimentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar