Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba a entrada do Estado en Telefónica

O Goberno aproba a entrada do Estado en Telefónica

A SEPI farase co 10 % do capital da empresa e converterase na accionista maioritaria

G24.gal 19/12/2023 20:44 Última actualización 20/12/2023 09:26

A sociedade que agrupa ss empresas públicas en España (SEPI) adquirirá ata un 10 % do capital de Telefónica segundo acordou este martes o Goberno español.

A SEPI notificou esta medida á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e informou de que procederá a eses trámites co fin de "poñer en marcha o proceso para, minimizando o seu impacto na cotización, completar a adquisición do volume de accións necesario".

A decisión do Goberno chega tres meses despois de que a empresa de telecomunicacións saudita STC Group anunciara por sorpresa que adquirira unha participación do 9,9 % de Telefónica por 2.100 millóns de euros.

De confirmarse a operación, a SEPI converteríase no primeiro accionista da operadora coa súa participación do 10 %, que equivalería a 2.050 millóns de euros.

Segundo a empresa pública, a súa participación, que ten "vocación de permanencia", permitirá a Telefónica "unha maior estabilidade accionarial para que a compañía alcance os seus obxectivos e, polo tanto, contribuirá á salvagarda das súas capacidades estratéxicas".

Reaccións da clase política

Tras coñecerse a noticia, a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, sinalou que a decisión do Executivo vai na liña doutros países europeos, como Francia e Alemaña,"que teñen ou mesmo están a incrementar a súa participación pública nos grandes operadores estratéxicos de telecomunicacións".

Segundo Calviño, Telefónica é "a empresa máis estratéxica" de España, non só pola súa presenza nas infraestruturas de telecomunicacións e no ámbito da innovación tecnolóxica, senón tamén "polo seu peso no ámbito da seguridade e a defensa".

"É unha decisión que ten por obxecto dar estabilidade para que a empresa poida lograr os seus obxectivos estratéxicos", sentenciou.

Na mesma liña, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacou que é importante que o Estado "estea presente nas empresas estratéxicas do país" e que "nunca se debeu abandonar ese camiño", en referencia ás privatizacións de varias empresas públicas na década de 1990.

No lado contrario, o vicesecretario de Economía do Partido Popular (PP), Juan Bravo, criticou a acción do Gobierno ao considerala "populista e intervencionista", á vez que afea que non se chamou ao líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, para informalo da operación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade