Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba este martes as novas medidas de aforro enerxético

O Goberno aproba este martes as novas medidas de aforro enerxético

Impón obrigas a comunidades autónomas e concellos, e ofrece recomendacións a fogares e industrias 

A voceira do Executivo di que é un plan "coherente" que "non vai alterar a vida cotiá"

Rueda critica que o Goberno non consulte coas comunidades medidas que lles afectan

G24.gal 03/10/2022 14:46 Última actualización 03/10/2022 15:09

O Executivo aspira a recortar o consumo de gas, ata nun 6,4 por cento. E tamén a reducir ata nun dez o de electricidade. Neste 10 hai un 5 por cento que a Unión Europea esixe que sexa obrigatorio. Con este horizonte, e coas achegas da industria, os partidos e os axentes sociais, o Goberno aprobará mañá o plan de continxencia para este outono-inverno, que completa as medidas de aforro implantadas en agosto.

"Un plan coherente coa nosa situación, que non vai alterar a vida cotiá, e que protexe as industrias que máis enerxía consomen, das que estamos pendentes para acompañalas nestes momentos", explicou a voceira do Executivo.

O documento inclúe facilidades para o aforro na industria e o comercio. E recomendacións para os fogares, como planificar o acendido da calefacción ou optar pola ducha en lugar do baño. Tamén lle permitirá ao consumidor axustar de balde a potencia contratada, e facilitaralle información na factura sobre o que pagan os seus veciños, de maneira que poida cambiar de comercializadora.

O plan tamén inclúe medidas obrigatorias para as comunidades autónomas e concellos, como o axuste dos termóstatos, o fomento do teletraballo e medidas de eficiencia no alumeado público, que non afectarán ás luces de Nadal.

O Goberno quere contar co apoio dos principais grupos políticos. Dende o PP propoñen outras medidas. "Europa ten que axustar o calendario da transición enerxética á realidade, e en España debemos incentivar o aforro con descontos nos recibos", asegurou Núñez Feijóo.

Con todo, está previsto que o plan se tramite como real decreto, polo que non precisará a aprobación do Congreso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade