Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba por 51 millóns a licitación do acceso de Vigo ao Corredor Atlántico

O Goberno aproba por 51 millóns a licitación do acceso de Vigo ao Corredor Atlántico

O Consello de Ministros acordou a mellora na liña Guillarei-Redondela co obxectivo de "reforzar a capacidade da vía para o tráfico de mercadorías e, eventualmente, o de viaxeiros", o que e facilitará o acceso de Vigo ao Corredor Atlántico

G24.gal 28/05/2024 13:59 Última actualización 28/05/2024 14:31

O Consello de Ministros aprobou a licitación da mellora da liña de tren entre Guillarei e Redondela por 51 millóns de euros, informou este martes o Goberno e trasladou tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

A actuación ten como obxectivo "reforzar a capacidade da vía para o tráfico de mercadorías e, eventualmente, o de viaxeiros" o suporá na práctica facilitar o acceso de Vigo ao Corredor Atlántico.

Os traballos están destinados a modernizar o trazado, coa instalación de novas travesas, balasto e desvíos de maiores prestacións.

Ademais, ampliaranse as dimensións (gálibo) dos seus catro túneles (Os Valos, Padrón, Pregal e Pedriña, de entre 53 m e 972 m), aos que se dotará de novos sistemas de protección civil e seguridade, e construiranse muros de ancoraxe de postes de catenaria na liña, para a súa posterior electrificación a 25 kV, fronte á de 3 kV actual.

A actuación complétase coa construción dun novo viaduto de 82 metros e tres vans, que substituirá ao actual sobre a estrada N-550, a renovación dunha vintena de pasos inferiores, o reforzo de terrapléns e desmontes da liña e a remodelación de plataformas da estación de Louredo-Os Valos.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible destaca nun comunicado que a actuación representa "un novo avance no plan de modernización que está a acometer en toda a liña Ourense-Vigo Guixar, denominada Liña do Miño, que inclúe a conexión Guillarei-fronteira portuguesa, cun investimento de 265 millóns de euros".

Estación de Guillarei, en Tui Estación de Guillarei, en Tui

Caballero, nun comunicado, valorou esta decisión que afecta a "unha parte do tramo entre Vigo e Tui" de 23,5 quilómetros.

Ademais, segundo Caballero, "seguen os traballos para o saída sur ferroviaria desde Vigo ao Porriño en túnel" para a futura conexión en alta velocidade co Porto.

En canto á humanización da Avenida de Madrid, o alcalde indicou que "o Goberno de España acaba de asinar a aprobación do proxecto da remodelación integral", que se atopa en proceso de licitación por parte do Concello vigués tras aprobalo en Xunta de Goberno a principios de mes.

Esa actuación superará os 17 millóns de euros, dos que o Goberno de España paga case 12 e a administración local, "un pouquiño máis de 5".

Respecto á estrada A-55, Caballero sinalou que o Ministerio de Transportes está a redactar un proxecto de 6 millóns de euros para a rehabilitación integral desa autovía entre Vigo e O Porriño e que inclúe unha mellora na VG-20 e tamén nunha parte da A-52 a partir do Porriño.

O alcalde sinalou que é "unha licitación que vai pola vía de emerxencia, con prazos breves".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade