O Goberno avalía se mantén as axudas vinculadas coa electricidade
O Goberno avalía se mantén as axudas vinculadas coa electricidade
As medidas actuais rematan o 31 de decembro
Poucos días antes de que remate o ano e nunha xornada en que o prezo da luz repunta un 11 % e sofre a segunda subida consecutiva da semana, o Goberno aínda non aclara se vai pedir unha segunda prórroga para o mecanismo ibérico, que limita o prezo do gas, nin se van manter ou non a rebaixa do IVE e as bonificacións vinculadas coa electricidade.
"Nos consumidores vulnerables fixemos énfase nos últimos meses e creo que é razoable consolidalo. Con respecto a outras medidas temos que ir vendo cales se manteñen, se ten que haber algún tipo de modificación ou non ou cales quedan cubertas por medidas europeas e por tanto xa non é necesario mantelas. É unha decisión que teremos que tomar nos vindeiros días", sinala Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica.
Tras as doce uvas, hai máis medidas que expiran pero polo momento todo está no aire.
"Estamos negociando co Partido Socialista as medidas do denominado decreto de Ucraína. Haberá medidas, que teremos que estudar que ao mellor son innecesarias, pero hai outras que hai que manter", manifestou Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social.
Se non se prorrogan as actuais medidas de contención de prezos, facturas como a da luz poderían dispararse en máis dun 20 %.
"Actualmente o IVE está nun 5 % e o imposto eléctrico está nun 0,5 %. No caso de non manter estas medidas é probable que a nosa factura da luz se vexa incrementada nun 21 %", explica Estela Otero, asesora enerxética e xerente de Gencom.
A supresión das axudas podería supoñer un grande atranco para os fogares nun momento ademais cunha elevada inflación.