Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno "buscará o camiño" para financiar un PERTE para a industria pesqueira

O Goberno "buscará o camiño" para financiar un PERTE para a industria pesqueira

O ministro Luis Planas explicou que está presentada a solicitude ante a Comisión Europea e que "o sector non pode quedar fóra dese financiamento, sendo, como é, un sector estratéxico"

G24.gal 04/10/2023 14:58

O ministro en funcións de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, asegurou que o Goberno "buscará o camiño" para conseguir o financiamento necesario para lanzar un proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) para a industria pesqueira, que non puido acollerse ás axudas do PERTE agroalimentario.

Planas visitou este mediodía Conxemar, onde percorreu varios expositores das 770 empresas e institucións que participan nesta feira. O titular de Pesca destacou a calidade dos produtos de mar conxelados e a importancia do sector transformador.

Por iso, dixo, o Goberno presentou ante a Comisión Europea a solicitude dun proxecto estratéxico específico para o sector pesqueiro. Planas non deu cifras das posibles axudas, pero asegurou que o ministerio fará o posible para garantir a competitividade dun sector capital para a economía galega.

"Para min, como ministro, foi unha tarefa permanente desde hai un ano conseguir luz verde, polo que en xullo enviamos unha comunicación á Comisión Europea, para que nos autorice un modelo para ampliar e poder construír un modelo de apoio específico para o sector", indicou.

Planas explicou que, con Bruxelas, "como sempre ocorre, hai que ter paciencia", pero o obxectivo do Goberno é "moi claro" e espera conseguir o financiamento necesario por esa vía. En caso contrario, "buscará o camiño" para conseguila. "O sector non pode quedar fóra dese financiamento, sendo, como é, un sector estratéxico", reivindicou.

Ao preguntarlle sobre os prazos e as cantidades que se barallan, Planas dixo que foi a finais de xullo cando se enviou a documentación á Comisión, polo que agora cabe esperar a resposta. Para el, é "moi cedo" para saber a contía, porque aínda non está definido, aínda que asegurou que será unha "cantidade importante" porque o sector "merece e necesita" ese apoio específico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade