Sánchez confirma que o español Iván Illarramendi está entre os secuestrados por Hamas
Sánchez confirma que o español Iván Illarramendi está entre os secuestrados por Hamas
O presidente do Goberno esixiu a súa inmediata liberación e as do resto de persoas que permanecen capturadas
Polo menos 500 mortos nun bombardeo israelí a un hospital de Gaza
O presidente do Goberno en funcións Pedro Sánchez confirmou este martes que o español Iván Illarramendi é un dos reféns que ten no seu poder Hamas tras o ataque a Israel e esixiu a súa inmediata liberación e as do resto de persoas que permanecen capturadas.
Sánchez fixo esta petición nunha declaración no Palacio da Moncloa tras participar no cumio que mantiveron por videoconferencia os líderes da UE para analizar a situación do conflito entre Israel e Hamas.
O xefe do Executivo insistiu na necesidade dos dous Estados, Israel e Palestina, para lograr unha solución e ofreceu a Unión Polo Mediterráneo como foro para tentar o achegamento entre as partes.
Ata o de agora, o Goberno español non quixera entrar en detalles sobre as circunstancias en que se atoparía Illarramendi, de 46 anos e natural de Zarautz. O ministro de Exteriores en funcións, José Manuel Albares, anunciara o pasado 9 de outubro que había dous españois "afectados" polo ataque de Hamas.
Posteriormente, o 11 de outubro, o Goberno confirmou que falecera outra española, a moza Maya Villalobo, que se atopaba facendo o servizo militar en Israel. Ata o momento, o único que se sabía sobre Illarramendi é que se atopaba coa súa muller, de nacionalidade chilena, no kibbutz Kissufim, moi próximo á fronteira coa Franxa de Gaza, asaltado polos milicianos de Hamas.