O Goberno descarta a intervención da planta de Alcoa en San Cibrao
O Goberno descarta a intervención da planta de Alcoa en San Cibrao
A ministra de Industria deulle un ultimato á multinacional para que acceda a vender a fábrica
A ministra de Industria, Reyes Maroto, descartou ou polo menos evitou contestar a pregunta sobre a intervención pública de Alcoa a través da SEPI.
Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo di que o Goberno leva intervindo na busca de solucións para Alcoa dende o inicio do proceso. Intervimos mantendo unha interlocución moi directa coa multinacional, que é a responsable da situación que viven hoxe os traballadores.
Os socios de goberno opinan que a mediación non é suficiente. Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso, di que o Goberno podería facer máis. Nós sempre pensamos que a SEPI debería axudar e quizais intervir Alcoa.
Os traballadores séntense indefensos e piden alternativas para lograr unha solución. Soledad Alonso, secretaria do comité de empresa de Alcoa, afirma que lles parece surrealista o que está a suceder. A ministra está a demostrar falta de compromiso e estar eludindo a súa responsabilidade.
Dende a Xunta piden ao Goberno que cumpra os seus compromisos. Na opinión do conselleiro de Industria, Francisco Conde, é incomprensible pensar que a solución do Goberno pasa por estar de brazos cruzados agardando que sexa Alcoa a que tome a decisión de vender.
A ministra dá un ultimato á multinacional para que acceda a vender a fábrica da Mariña e dar paso a outras compañías que queiran seguir fabricando aluminio, e ínstaa a facelo antes de finais de decembro.
Conflito de Vestas
Maroto defendeu tamén a súa implicación no conflito da planta de compoñentes para aeroxeradores que Vestas ten no municipio de Viveiro. Lamentou a actitude de confrontación do goberno galego presidido por Alberto Núñez Feijóo e esixiulle "lealdade" para afrontar a crise industrial.
A ministra acusou os populares de tentaren sacar rédito político da folga xeral que houbo esta semana na Mariña lucense. Do mesmo xeito, anunciou que este martes o Consello de Ministros aprobará 29 millóns de euros para potenciar o turismo en Galicia, o cal interpreta como un claro xesto de apoio ao Xacobeo.