Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta agarda 700 migrantes e esíxelle información ao Goberno, que anunciara só 470

A Xunta agarda 700 migrantes e esíxelle información ao Goberno, que anunciara só 470

Reclama información concreta sobre aspectos como as condicións de saúde nas que se atopa cada persoa para ofrecerlle atención específica ou as súas idades para garantir a súa escolarización

Pedro Blanco di que serán uns 470, como se anunciara, mentres que a Xunta manexa que serán uns 700

A Xunta di que Canarias non tramitou o traslado dos menores e acusa a Sánchez de mentir por "rédito político"

Imaxe da chegada ás Canarias dunha embarcación con persoas migrantes
G24.gal 17/07/2024 11:13 Última actualización 17/07/2024 18:50

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, esixiu ao Goberno central "organización e seriedade" respecto ao traslado de migrantes a Galicia e criticou a falta de política migratoria do Executivo, ao que pediu "non caer" en erros do pasado: "desorganización, falta de planificación e secretismo".

Nunha visita a Lugo, Rueda insistiu na postura "solidaria" da Xunta respecto a a acollida de migrantes e, "precisamente por iso", pediu que "non se repita" o que xa ocorreu meses atrás coa chegada doutros migrantes, cando algún cargo do Executivo "recoñeceu improvisación".

A Xunta de Galicia manexa cifras distintas ás facilitadas polo Goberno repecto á derivación de inmigrantes. "Por fontes extraoficiais", apunta á chegada dunhas 700 persoas das que, aseguran, "non teñen ningún tipo de información" do Executivo central.

A conselleira de Política Social lamentou que as cifras que o delegado do Goberno en Galicia lle trasladou ao presidente da Xunta en relación á chegada de migrantes no verán sigan sen coincidir cos datos recibidos o pasado día 8 do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións: "Nin coas previsións das que dispoñemos a través doutros actores implicados".

Fabiola García asegura: "Galicia é unha comunidade solidaria que, na medida das súas posibilidades, sempre estivo e estará disposta a acoller a quen o necesite, cando se realice coa organización e a planificación imprescindible. Xa o demostramos a finais do ano pasado, a pesar da incerteza inicial que provocou a falta de previsión e de colaboración do Goberno central".

"Para evitar que iso se repita", engade, reclama información clara que permita a cooperación entre administracións. En concreto, aspectos como a data concreta de chegada de cada grupo de persoas, condicións de saúde en que se atopa cada unha para ofrecerlle atención específica ou as súas idades para garantir a súa escolarización.

En función das necesidades

Pola súa banda, o delegado do Goberno está convencido de que Galicia vai demostrar de novo a solidariedade, neste caso no acollemento este verán de migrantes procedentes das Canarias. Pedro Blanco asegura que todo se vai facer con total transparencia, e de feito di que xa informou das previsións ao presidente da Xunta.

En declaracións aos medios este mércores en Caldas de Reis, Blanco asegurou que non vai supoñer ningún custo para Galicia e que a cifra que circulou nos últimos días de 470 persoas pode variar en función das necesidades.

A Xunta acusa a Sánchez de mentir por "rédito político"

A Xunta de Galicia acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de mentir para "sacar rédito político" este mércores na súa intervención no Congreso dos Deputados, onde denunciou que Galicia non acolleu en 2023 a ningún menor migrante.

A Administración autonómica reitera que Canarias non chegou a completar os trámites para o traslado destes menores.

O Goberno galego volve defenderse así dunhas acusacións que xa verteu a ministra de Infancia, Sira Rego, a semana pasada.

Xa naquel momento, a conselleira de Política Social, Fabiola García, denunciou a "falsidade" daquelas declaracións.

Tal e como explicou, os 28 menores que Galicia aceptou acoller da conferencia do 2023 seguen sen chegar debido a "atrasos burocráticos por parte do Goberno canario".

De feito, comentou que así o admitira o presidente de Canarias, Fernando Clavijo, o pasado mércores na conferencia sectorial celebrada en Tenerife.

Defenden que a Xunta se puxo en contacto co goberno canario para axilizar o proceso e ten esas prazas reservadas na súa rede de acollida desde que se asinou o convenio.

O pasado xoves, un día despois da conferencia sectorial, o executivo canario comunicou á Xunta que este luns 15 de xullo mandarían unha listaxe cos datos básicos dos 14 primeiros menores correspondentes ao 2023.

Con todo, tal e como confirma o Goberno galego, "a día de hoxe esta listaxe segue sen enviarse". Vista a situación, a conselleira entende que "se trata dunha estratexia para tentar sacar rédito político, mesmo a propósito de que se basea nunha falsidade".

Segundo datos da Xunta de Galicia, o Goberno central prepara para este verán en Galicia un total de 767 prazas para persoas migrantes procedentes de Canarias.

Santiago de Compostela acollerá 323 persoas.

63 irán a Becerreá. Sobrado acollerá 56. 80 persoas irán a Curtis e 115 a Monterroso.

A Ribeira de Piquín chegarán 55 e 25 irán a Monforte.

Allariz acollerá 25 persoas e San Cibrao das Viñas, 25.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade