O Goberno licitará por 30,4 millóns a mellora do firme da A-6 na provincia de Lugo
O delegado do Goberno tamén lembrou que o Executivo central aprobou a formalización do contrato de conservación en 268 quilómetros das estradas na provincia de Lugo por máis de 17,7 millóns de euros

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou que o Goberno licitará por 30,4 millóns de euros unha nova mellora do firme da A-6 ao seu paso pola provincia de Lugo.
Anunciouno durante unha visita ás obras de acondicionamento da autovía A-6 ao seu paso polo Cereixal, en Becerreá, onde salientou o esforzo do Goberno central pola conservación e mellora da rede de infraestruturas na provincia de Lugo.
O Ministerio de Transportes executa 23,1 millóns de euros nesa actuación que dá resposta, en palabras de Pedro Blanco, a unha demanda dos usuarios da vía.
"O compromiso do Goberno de España con esta provincia e a súa rede viaria é unha evidencia, xa que vai licitar outros 30,4 millóns de euros para seguir renovando os firmes da A-6, mellorando a seguridade viaria dos lucenses", destacou Pedro Blanco.
Así mesmo, lembrou que o Executivo central aprobou a formalización do contrato de conservación en 268 quilómetros, 46,5 da autovía, das estradas na provincia de Lugo por máis de 17,7 millóns de euros.