Publicador de contidos
Publicador de contidos

Transportes aproba o trazado do primeiro tramo da A-74 entre O Carme e Barreiros

Transportes aproba o trazado do primeiro tramo da A-74 entre O Carme e Barreiros

A autovía A-74 dará continuidade á A-8 a través do corredor Cantábrico da Mariña lucense, entre Barreiros e San Cibrao, onde se sitúa o Porto de Interese Xeral do Estado

G24.gal 22/01/2025 13:11

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou provisionalmente o proxecto de trazado do primeiro tramo da autovía A-74 da Mariña entre O Carme e Barreiros, na provincia de Lugo, para sometelo a información pública. Precisamente este trámite abrirase tras a publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado (BOE) nos próximos días, segundo anunciou o Goberno nun comunicado.

O subtramo O Carme-Barreiros, do tramo entre Foz e Barreiros, ten aproximadamente 6,3 quilómetros de lonxitude e inclúe a execución de dúas ligazóns: a Ligazón do Carme, que conecta coa estrada autonómica LU-152, e a ligazón de Espiñeira, ao final do tramo, que permite a conexión coa Autovía do Cantábrico A-8. O orzamento basee de licitación das obras é de 123,6 millóns de euros.

A autovía A-74 dará continuidade á A-8 a través do corredor Cantábrico da Mariña lucense, entre Barreiros e San Cibrao, onde se sitúa o Porto de Interese Xeral do Estado. "Esta vía suporá unha alternativa á estrada nacional N-642, que chega a alcanzar os 15.000 vehículos diarios en período estival. A nova infraestrutura contribuirá así a mellorar a capacidade e a seguridade viaria, a dinamizar a economía da provincia de Lugo e de Galicia, mellorar a accesibilidade a importantes portos como San Cibrao, Burela ou Celeiro, así como a diminuír os tempos de percorrido na costa lucense e a comarca da Mariña", engadiu o Ministerio.

Pola súa banda, nun comunicado, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou este anuncio sobre a aprobación do trazado do primeiro tramo da A-74 que é, ao seu xuízo, un paso "imprescindible" para o futuro da Mariña "e unha mostra máis do compromiso dos socialistas con Galicia".

Para Besteiro, esta infraestrutura "é froito do impulso e da responsabilidade do Goberno", ao tratarse dun proxecto "estratéxico" que, segundo el, "o PP deixou abandonado durante anos nun caixón". "Os socialistas somos capaces de converter en realidade as demandas históricas desta comarca, que leva décadas sufrindo o abandono por parte do PP", sentenciou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade