Queixas pola inseguridade viaria nunha zona de institutos de Cangas
Queixas pola inseguridade viaria nunha zona de institutos de Cangas
Denuncian que xente nova sobe a esas zonas a facer derrapaxes e manobras perigosas
Piden un plan de seguridade viaria con mellor iluminación, pasos de peóns elevados e pintados e beiravías
É un segredo a voces.
"É xente nova, co carné acabado de sacar ou con poucos anos de carné, e chegan aquí, e se miras no chan están as marcas de andar para riba e para baixo, e estar facendo trompos", explica Araceli Piñeiro, da Federación de AMPAS do Morrazo.
"Hai xente que o sube ás redes sociais, a Instagram ou a TikTok, para que a xente o vexa e 'fardar'. É perigoso", comentan uns adolescentes.
Trompos, derrapaxes e arrancadas nunha zona que está apartada do centro de Cangas pero que ten actividade todo o día. Hai institutos pola mañá e instalacións deportivas que funcionan ata ben entrada a noite.
"Nalgunha ocasión, no recreo pola mañá ás 11, vén algún coche derrapando, e polas tardes pasan as motos cara ao monte, a toda velocidade. Unha solución sería pór un paso elevado ao inicio e outro ao final", sinala María Aránzazu Vega, directora do IES María Soliño.
Elevacións como primeira medida dun plan máis amplo, tan sinxelo como urxente.
"A primordial é iluminación, beirarrúas e elevacións seguros nos pasos de peóns e a posibilidade de transporte público", reclama Serafín Sa, presidente da Asociación de Veciños Nós.
"O paso de peóns está todo sen pintar. Tivemos que pintar nós as prazas de aparcamento nas vacacións, e a rotonda tamén está sen pintar", engade a directora do instituto.
"Os coches non frean neses pasos de peóns. Se tivesen 'chepa' terían que reducir a velocidade", advirte a representante dos pais e nais.
O propio alumnado do IES María Soliño ten previsto acudir a un pleno para porlles voz a estas demandas ao sentírense as principais vítimas potenciais.