O Goberno móstrase satisfeito coa evolución dos datos do mercado laboral, por María Bastida
OPINIÓN
O Goberno móstrase satisfeito coa evolución dos datos do mercado laboral, por María Bastida
O Goberno móstrase satisfeito coa evolución dos datos do mercado laboral, basicamente pola redución do número de persoas demandantes de emprego que conforma o segundo mellor rexistro da serie histórica nun mes de novembro. Sendo este un dato claramente positivo, cómpre preguntarse se corresponde coa realidade ou, no seu defecto, se xustifica o triunfalismo co que se reciben as cifras.
Sen entrar aínda no debate da rigorosidade das cifras, o certo é que o propio dato publicado amosa unha importante desaceleración da creación de emprego, dato que se reforza tendo en conta que a Seguridade Social perdeu unha media de 115 cotizantes por día.
O descenso do paro interanual é a metade do rexistrado en novembro de hai un ano. Tamén baixa o número de contratos rexistrados, preto de 600.000 en taxa interanual, o que significa acumular seis meses de baixada no rexistro de contratación. A isto debemos engadir que cae notablemente o número de autónomos no mes, rexistrando o seu peor comportamento interanual desde a anterior crise exceptuando o dato de 2020, aínda con restricións pola pandemia.
Por outra banda, diversas institucións independentes -coma FEDEA- alertan de que se a dita desaceleración non se traduce nun maior paro rexistrado é polo cambio normativo que transforma os contratos temporais en fixos-descontinuos.
En consecuencia, cando as persoas contratadas nesta modalidade cesan a súa actividade, non aparecen na relación de parados (posto que, en esencia, non o son). Así, os demandantes de emprego ocupados (que é precisamente onde están os fixos-descontinuos que cesan a súa actividade) aumenta en preto de 111.000 persoas, chegando a algo máis de 1.071.000 (234.000 máis que en setembro).
En paralelo, tamén se pon o foco sobre o dato de contratación indefinida, que reflicte máis a conversión de contratos temporais en indefinidos -derivada do cambio normativo- que a verdadeira creación de contratos. A isto debemos engadir que de todos os contratos indefinidos realizados en novembro, o 24 % son a tempo parcial e un 37 % son fixos-descontinuos. Este dato é particularmente interesante, posto que o incremento interanual deste tipo de contratos é superior ao 500 %. Unha cifra suficientemente ilustrativa do artificio que supón a conversión de contratos temporais en fixos descontinuos.
En resumo, non parece que a evolución dos datos de emprego xustifique ningunha celebración. Leva razón quen afirma que o xeito de computar os datos dos fixos descontinuos non varía dende hai 40 anos, e que é consistente coa medición europea. Pero o que varía é a contorna e, nomeadamente, o marco de regulación que obriga a que parte dos contratos que antes se atopaban noutras modalidades figuren nesta categoría. En consecuencia, as estatísticas así elaboradas incumpren a súa principal función: proporcionar unha imaxe fiel da realidade. De ser exactas, non cabería interpretación nin debate. E dende logo, non parece que este sexa o caso.