Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno apunta a Feijóo pola negativa do PP a apoiar o decreto de aforro enerxético

O Goberno apunta a Feijóo pola negativa do PP a apoiar o decreto de aforro enerxético

A voceira do Executiva cualifica de "frivolidade" a actitude dos populares e pregúntalle a Feijóo "de parte de quen está"

O Partido Popular di que votará en contra se non se negocian as medidas coas comunidades e coas empresas

Isabel Rodríguez, voceira do Goberno (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 23/08/2022 14:30

O Goberno afronta este xoves a primeira gran votación parlamentaria do novo curso político. O Congreso debe convalidar nun pleno extraordinario o decreto que contén as medidas obrigatorias para empresas e sector público dirixidas a aforrar un 7 % do consumo enerxético.

O executivo negocia a contra o reloxo o apoio dos grupos da oposición. Di a portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, que agardan un acordo maioritario porque son medidas de sentido común.

Na súa comparecencia, posterior ao Consello de Ministros, a portavoz do Executivo rexeitou a etiqueta de frívolas que o PP puxo a medidas como subir o aire acondicionado ou baixar a calefacción e o que considera unha frivolidade é a postura do PP, "negacionista" e "obstrucionista".

Destacou que o decreto que o PP "cataloga de frivolidades" inclúe 400 millóns de euros para bolsas para estudantes, abonos gratuítos ou axudas aos transportistas. "Se por Feijóo fose, nin bolsa nin abono gratuíto", recalcou Rodríguez.

"Se Feijóo vota que non, teranos que explicar de parte de quen está, por que non apoia os traballadores, por que non está de acordo coa súa colega, a presidenta da Comisión Europea", agregou.

Os socios parlamentarios ERC, o PNV e Bildu aínda non fixeron público o sentido do seu voto.

O Partido Popular adianta que votará en contra se o Goberno non rectifica e negocia as medidas coas comunidades. Con todo, o vicesecretario de Economía, Juan Bravo, adianta que o decreto sairá adiante co apoio dos partidos nacionalistas a costa de contrapartidas.

Bravo dixo este martes que a súa formación política non pode compartir as medidas do decreto enerxético exposto polo Goberno por tratarse "dunha imposición".

"Sobre todo", engadiu, "imponse unha serie de medidas ao sector privado sen contraprestacións nin axudas".

O responsable de Economía do principal partido da oposición subliñou que "non fai falta que ao empresario ou ao autónomo lle digan como ten que aforrar porque, por desgraza, xa o está facendo".

Ciudadanos súmase á petición de rectificación. Nunha carta ao Goberno repróchalle que actúe de xeito unilateral e sen diálogo cos grupos políticos.

Outros grupos minoritarios como Compromís xa avanzaron que darán o seu apoio ao decreto de aforro enerxético. Vox, Coalición Canaria e Foro Asturias tamén votarán non. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade