O Goberno pídelle coherencia á CEOE e que sente a negociar a revalorización dos salarios
O Goberno pídelle coherencia á CEOE e que sente a negociar a revalorización dos salarios
Moncloa intensifica os seus ataques a Garamendi tras a suba de soldo de máis dun 8 por cento
Aféalle que "dean un festín" mentres bloquea a suba salarial de millóns de traballadores
Pedro Sánchez súmase a Podemos e pon no punto de mira a CEOE, e concretamente no seu presidente.
"Pido coherencia á patronal, reponsabilidade á patronal. Non se pode estar reclamando sacrificios salariais aos de abaixo mentres hai un festín para os de arriba", espetáballe desde a tribuna dun mitin en Málaga.
Sánchez pídelle coherencia despois de que transcendera o novo contrato de Garamendi, que vai cobrar 380.000 euros anuais. Iso representa un incremento salarial do 8,5 por cento. É o dobre do que defendían para os traballadores que cobran o salario mínimo.
A CEOE non ve con bos ollos a suba que vai aprobar o Goberno este martes e que o situará nos 1.080 euros mensuais. Eles defendían deixalo nos 1.040 euros, unha suba do 4 por cento.
Non houbo entendemento sobre o salario mínimo e aínda está sen pechar a revalorización salarial para todo o país. O Goberno urxe a CEOE a sentar nunha mesa da que se levantou o pasado mes de maio. Desde daquela, a negociación da que depende a suba do soldo de millóns de traballadores, está no dique seco e sen perspectivas de volver activarse.
As relacións entre o executivo e a cúpula dos empresarios están pasando por un dos peores momentos da lexislatura. Os empresarios están moi molestos polas continuas críticas que chegan desde a Moncloa, sobre todo desde os ministros de Podemos, que constantemente lles están afeando os grandes beneficios que se reparten.
Creen que se trata de críticas inxustas e negan que non estean "arrimando o ombreiro" para sortear a crise económica derivada da suba de prezos.