Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reducir a obesidade infantil e adolescente é un asunto de Estado para o Goberno

Reducir a obesidade infantil e adolescente é un asunto de Estado para o Goberno

Catro de cada dez nenos e tres de cada dez adolescentes son obesos

A obesidade afecta máis menores que viven en fogares con menos recursos

O plan pretende reducir un 25 % a obesidade infantil e en adolescentes nos próximos oito anos

A normativa prevé garantir os comedores escolares

G24.gal 10/06/2022 12:02 Última actualización 10/06/2022 18:39

O Goberno quere reducir nos próximos oito anos un 25 % o exceso de peso na poboación infantil e nos adolescentes.  Na actualidade, catro de cada dez nenos e tres de cada dez adolescentes son obesos. Esta alta taxa afecta máis a menores que viven en fogares con menos recursos.

Pedro Sánchez, defende que a obesidade infantil é "unha cuestión de Estado" polas altas taxas de prevalencia desta enfermidade nos nenos, polo que considera que España "ten un problema urxente que resolver". Así o destacou Sánchez durante a presentación do Plan estratéxico nacional de redución da obesidade infantil, que se presentou este venres no polideportivo Juan de la Cierva de Xetafe, Madrid. 

Un plan que o xefe do Executivo di que terá "unha consideración prioritaria nos presupostos" do ano que vén.

 "Este plan vai desenvolver todos os mecanismos ao seu alcance para lograr os obxectivos, a investigación, a sensibilización social, a coordinación entre as administracións, e, por suposto, o financiamento. Hoxe anúnciolles que este plan terá unha consideración prioritaria na elaboración dos presupostos do próximo ano", dixo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

A Organización Mundial da Saúde (OMS), a quen o xefe do Executivo agradeceu o seu traballo contra a obesidade e durante a pandemia de covid-19, cualifica a obesidade como unha "epidemia global".

"Transmite a magnitude do problema e a urxencia de poñer en marcha medidas para abordalo. É un dos factores de risco máis importantes para a saúde humana a nivel mundial", explicou Sánchez.

Pedro Sánchez fixo especial fincapé na relación entre pobreza e obesidade.

"As taxas son especialmente elevadas nos nenos que proveñen de fogares moi baixos, que teñen o dobre de probabilidades de sufrir obesidade. A pobreza reflíctese nos indicadores de saúde", indicou.

A obesidade nas nenas e adolescentes duplicouse nos últimos 20 anos

O presidente do Goberno tamén se referiu ao xénero: "Aínda que os nenos presentan taxas máis altas que as nenas, a obesidade en nenas e adolescentes duplicouse nos últimos 20 anos, unha tendencia á que hai que prestar atención".

Sánchez asegurou que o Plan, que pretende reducir o exceso de peso na infancia nun 25 por cento e a fenda social asociada nun 40 por cento, pretende "garantir un dos dereitos máis importantes, o daquelas persoas máis vulnerables, que precisa o compromiso de todos".

O plan prevé garantir os comedores escolares

Garantir a oferta de comedores escolares en todas as etapas educativas, así como as bolsas comedor para a infancia en situación de vulnerabilidade, son algunhas das medidas incluídas no Plan Estratéxico Nacional para a Redución da Obesidade Infantil, que presentou este venres o Goberno.

En concreto, expón garantir a oferta dese servizo en todas as etapas educativas, así como incorporar educación sobre nutrición e gastronomía nos plans de estudo. Así mesmo, prevé garantir bolsas comedor para a infancia en situación de vulnerabilidade e establecer tarxetas dixitais de axuda alimentaria.

A iso engade o acceso a auga de consumo gratuíta en centros públicos e de restauración e incrementar o número de fontes en pobos e cidades.

Xunto a esas medidas, avoga por regular a oferta alimentaria de centros educativos, sanitarios e deportivos e promover a lactación materna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar