Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno recorre ao Constitucional a iniciativa independentista que tramita o Parlament

O Goberno recorre ao Constitucional a iniciativa independentista que tramita o Parlament

O grupo parlamentario dos socialistas cataláns presentou xa o seu propio recurso ao Constitucional

Junqueras di que ERC apostará por un referendo de independencia aínda que "alguén teña que volver ao cárcere"

Pere Aragonès e Salvador Illa no Parlamento catalán (David Zorrakino-Europa Press)
G24.gal 25/03/2024 19:17 Última actualización 26/03/2024 14:58

O Consello de Ministros acordou este martes a presentación dun recurso ante o Tribunal Constitucional pola decisión da Mesa do Parlament de Cataluña de admitir a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que aposta por unha declaración unilateral da independencia.

Segundo explicou o ministro de Xustiza, Félix Bolaños, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, esta decisión paraliza "de maneira inmediata" a tramitación desta iniciativa ao ser o Goberno o que presenta o recurso de inconstitucionalidade. 

Bolaños sinalou que este recurso "é absolutamente coherente" coa política do Goberno de Pedro Sánchez porque este recurso "protexe a Constitución, as institucións de Cataluña e protexe o diálogo, os acordos e que sexamos capaces de entendernos".

Reiterou que nin o Goberno nin o PSOE "apostan en ningún caso polo illamento de Cataluña de España e de Europa" porque o que queren é que esta forme parte "e sexa parte esencial e fundamental de España e da UE".

E este recurso, engadiu, vai nesa dirección ao rexeitar calquera iniciativa "que sexa divisiva, fracture a sociedade e xere tensión" como cre que ocorrería coa tramitación desta ILP.

Bolaños tamén dixo, sobre a aspiración de ERC de negociar un referendo, que "estamos en campaña electoral en Cataluña e por tanto imos escoitar moitas cousas, algunhas que non son certas coma esta".

O recurso do Goberno ante o TC sobre a ILP prodúcese despois de que o grupo parlamentario do PSC-Units no Parlament presentara o seu propio recurso ao Constitucional contra a tramitación desta iniciativa.

A Mesa do Parlament admitiuna a trámite o pasado 20 de febreiro, cos votos de Junts e a CUP, a abstención de ERC e o voto en contra do PSC, pese ao informe consultivo negativo dun letrado.

O texto presentado por Solidaritat Catalá per a Independència (SE) debía, en opinión dos socialistas cataláns, non tramitarse porque, tal e como estableceu o ditame do letrado, a normativa que regula as ILP establece que son causas de inadmisión por parte da Mesa "aquelas proposicións que teñan por obxecto algunha materia sobre a que a Generalitat non ten atribuída a competencia".

"A iniciativa non cumpre cos requisitos da lei catalá das Iniciativas Lexistativas Populares e contou co informe desfavorable do letrado do Parlament", remarcou o grupo do PSC ao anunciar que reclamaba ao Constitucional que declarase a nulidade do acordo da Mesa, do mesmo xeito que fará este martes o Consello de Ministros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade