Galicia solicita unha conferencia de presidentes e a declaración de emerxencia migratoria por parte do Goberno central
Galicia solicita unha conferencia de presidentes e a declaración de emerxencia migratoria por parte do Goberno central
Galicia solicita unha conferencia de presidentes e a declaración de emerxencia migratoria por parte do Goberno central
A Conferencia Sectorial de Inmigración tratará sobre o borrador do novo regulamento de estranxeiría
O PP votará en contra da reforma da lei de estranxeiría este martes no Congreso ao non aceptar o Goberno as súas condicións
A Xunta de Galicia amosou unha vez máis a súa solidariedade coas persoas migrantes, pero reivindicou a necesidade dunha maior planificación por parte do Goberno central, solicitando que os datos das persoas que cheguen este verán a Galicia se transmitan coa maior celeridade e coa maior exactitude posible. O obxectivo, segundo sinalou a conselleira de Política Social durante a Conferencia Sectorial de Inmigración convocada este luns en Madrid, é prestar a mellor atención a estas persoas, xa que a administración autonómica conta con competencias exclusivas, como a asistencia sanitaria ou a atención a menores.
Deste xeito, Galicia solicitou a celebración dunha conferencia de presidentes e a declaración de emerxencia migratoria por parte do Goberno, unha ferramenta que permitirá solicitar axuda á UE.
Camiño do Congreso dos Deputados
O texto chega mañá ao Congreso pero os socialistas non teñen os apoios necesarios para sacalo adiante. A ministra de Inclusión instou os partidos a sumarse: "Non caben medias tintas, ou sé é solidario ou non. Esa a oportunidade que ten o arco parlamentario no seu conxunto para estar mañá a carón do Goberno nesa modificación que busca a solidariedade obrigatoria despois dun traballo incesante".
Unha reforma para simplificar trámites
A ministra xa adiantou que esta reforma servirá para simplificar trámites, eliminar burocracia e, en resumo, "facilitar a vida das persoas", e abrirá algunhas portas que ata o de agora se atopaban pechadas con fórmulas relacionadas co emprego, a formación e as redes familiares.
Nunha comparecencia no Senado o pasado mes de marzo, Saiz avanzou que a reforma iría orientada a simplificar as autorizacións de estadía, de residencia e de residencia e traballo, e tamén os trámites e requisitos para a súa obtención, e a potenciar a tramitación telemática, por medios electrónicos, destes procesos.
A últimas reformas do regulamento de estranxeiría leváronse acabo en outubro de 2021 para facilitar o acceso ao permiso de residencia aos mozos estranxeiros extutelados, e en xullo de 2022, para, entre outros cambios, crear a figura do arraigamento por formación.
O PP votará en contra da reforma da lei de estranxeiría
O PP anunciou que non pode "facilitar a tramitación" da reforma da lei de estranxeiría que se votará este martes no Pleno do Congreso ao rexeitar o Goberno as súas condicións, segundo sinalaron a Europa Press fontes dos populares. O contacto este domingo entre o ministro de Política Territorial Ángel Víctor Torres e o portavoz do Grupo Popular Miguel Tellado confirmou que as posicións están afastadas.
O Pleno do Congreso acollerá o martes 23 de xullo o debate de toma en consideración da proposición de lei para reformar a lei de estranxeiría, que PSOE, Sumar e Coalición Canaria rexistraron hai cinco días co obxectivo de fixar como obrigatoria a repartición de menores cando haxa colapso nas Canarias, como sucede neste momento. Aos promotores desta iniciativa bastaríalles unha abstención do Grupo Popular para que a norma arrincase a súa tramitación parlamentaria.
O PP lembrou este domingo que "foi claro" nas súas pretensións para apoiar ese texto e engadiu que "a negativa do Goberno" non lles "permite facilitar a tramitación dunha lei que se basea na imposición e non no diálogo", sinalaron fontes do partido.
As condicións que o PP trasladou ao ministro Torres
En concreto, o PP expón declarar a emerxencia migratoria "para todo o territorio nacional", non só para Canarias, Ceuta e Melilla, ofrecer financiamento ás CCAA, implicación do Goberno na xestión de menores, maior control das fronteiras, negociacións con Europa para que tome medidas, investimentos e acordos cos países de orixe.
Ademais, o PP pon como esixencia que a repartición sexa sempre para todas as autonomías, sen excepción, tras o rexeitamento de Junts en Cataluña. "Debe quedar reflectido na proposición de lei, de forma que non poida evitarse posteriormente mediante transferencias de competencias en inmigración a ningunha comunidade autónoma, tal e como se expresou nas últimas semanas", di o PP no documento remitido a Torres.
O ministro Torres púxose en contacto nas últimas horas co portavoz parlamentario do PP para confirmar que non ve posible aceptar as condicións fixadas polo Partido Popular para tramitar a lei de estranxeiría, segundo indicaron fontes dos populares.
Ademais, o titular de Política Territorial emprazou a Tellado a mellorar o texto no trámite de emendas, dando "por suposto que o martes se aprobará a tramitación". "É dicir, o Goberno dá por feito que conseguirá os votos de Junts", sinalaron as mesmas fontes.