Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno reta a oposición a aprobar a senda de estabilidade e di que de calquera xeito presentará presupostos

O Goberno reta a oposición a aprobar a senda de estabilidade e di que de calquera xeito presentará presupostos

A proposta aprobada deste martes mantén os mesmos obxectivos de déficit que o Congreso rexeitou en xullo

No Executivo descartan convocar eleccións se as Cortes tomban o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2025

O Consello de Ministros aproba este martes a norma de prevención de riscos para empregadas do fogar

A vicepresidenta María Jesús Montero, responable de Facenda (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 10/09/2024 10:46 Última actualización 10/09/2024 18:33

O Consello de Ministros aprobou este martes por segunda vez a senda de estabilidade e o teito de gasto para os Orzamentos de 2025, aínda que polo momento non ten garantidos os apoios para sacar adiante nin os obxectivos de déficit nin as contas.

Deste xeito o Consello de Ministros dá trámite ao límite de gasto non financeiro, coñecido como teito de gasto, e os mesmos obxectivos de estabilidade e de débeda para as administracións públicas que rexeitou en xullo o Congreso dos Deputados.

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu a aprobación da mesma senda -"difícil de mellorar", na súa opinión- porque dá maior marxe fiscal a comunidades autónomas e concellos para financiar os seus servizos que a actualmente vixente.

"Se o PP e algún outro grupo votan en contra desta senda", advertiu Montero sen facer referencia a Junts, "estará a obrigar a facer un axuste" de 6.600 millóns en dous anos ás comunidades autónomas e de 4.950 millóns en dous anos ás entidades locais, un total de 11.550 millóns.

A senda e o teito de gasto para o próximo ano -tamén aprobado este martes, pero que non se vota nas Cortes- constitúen o paso previo aos orzamentos de 2025, que o Executivo pretende presentar mesmo aínda que os obxectivos de déficit non logren o aval das Cortes.

"O Goberno de España vai presentar os Orzamentos de 2025, xa sexa coa senda aprobada hoxe, oxalá, ou coa anterior", defendeu Montero, co obxectivo de "seguir avanzando en consolidación fiscal, impulsando o crecemento económico e reforzar o Estado do benestar".

Mesma senda fiscal e de débeda

O Executivo insiste así nos seus obxectivos e volverá aprobar unha senda fiscal que deixará o déficit público no 2,5 % en 2025, no 2,1 % en 2026 e no 1,8 % en 2027, ademais de recortar a débeda pública ao final do período por baixo do 100 %, prazo temporal que estará marcado pola reactivación das regras fiscais europeas, suspendidas desde 2020 pola COVID-19.

A Administración Central asumirá a maior parte da responsabilidade do cumprimento dos novos obxectivos fiscais, dado que en 2025 deberá situar o seu déficit no 2,2 %, no 1,8 % en 2026 e no 1,5 % en 2027. O obxectivo de déficit das comunidades autónomas en 2025, 2026 e 2027 será do 0,1 %, mentres que os concellos e corporacións locais dispoñerán en 2025 e 2026 de equilibrio orzamentario (0%).

Esta senda de déficit aséntase nunhas previsións de crecemento económico do 2,4 % este ano, o 2,2 % en 2025 e o 2 % en 2026 e en 2027, un ano no que a taxa de paro caería por baixo do 9 %.

Tamén se establece que a débeda pública do conxunto das administracións se reduza ao 103,6 % do PIB en 2025, unha porcentaxe que deberá ser case dous puntos inferior en 2026, cando chegue ao 101,8 %. Por último, en 2027 estará por baixo do 100 %, situándose no 99,7 %.

Seguindo coa débeda pública, o obxectivo fixado para as comunidades autónomas é do 20,8 % do PIB en 2025, un 20 % para o ano seguinte e un 19,4 % en 2027. Pola súa banda, a débeda dos concellos manterá unha senda descendente nos próximos exercicios, pasando dun 1,3 % en 2025 e 2026 e o 1,2 % en 2027.

Teito de gasto de case 200.000 millóns

Pola súa banda, o Goberno volverá presentar o límite de gasto non financeiro ou teito de gasto, que non se vota no Congreso. O exposto polo Executivo establece un tope de 199.171 millóns de euros incluíndo os fondos procedentes da Unión Europea.

Dentro do teito de gasto inclúese tamén unha transferencia do Estado á Seguridade Social por importe de 22.881 millóns de euros, un 7 % máis con respecto aos Orzamentos de 2023. A Seguridade Social poderá ter un déficit do 0,2 % nos tres próximos exercicios.

A finais do mes de xullo, o Pleno do Congreso dos Deputados rexeitou os obxectivos de estabilidade orzamentaria e de débeda pública para o conxunto das administracións, que é o primeiro paso para a aprobación das contas públicas, tras o inesperado voto en contra de Junts.

No Executivo esperan poder chegar a acordos con Junts e pídenlles que, nesta ocasión, voten a favor da senda fiscal, xa que é "boa" para Cataluña. Lémbranlles que isto non implica dar o visto e prace aos Orzamentos, aínda que avisan de que, con ou sen senda, o Goberno vai presentar as contas públicas de 2025.

No caso de que as Cortes non avalasen a senda, Montero asegurou que presentará un proxecto de orzamentos para 2025 baseados na senda vixente, que sitúa o déficit público no 2,7 % o próximo ano pero é máis estrita con comunidades autónomas e concellos.

De feito, fontes próximas ao Executivo descartaron que un eventual rexeitamento parlamentario ás contas -que implicaría prorrogar por segunda vez as de 2023- vaia supoñer un adianto das eleccións xerais, como ocorreu cando se tombaron os orzamentos para 2016 e 2019.

En calquera caso, a vicepresidenta ten "todo o ánimo de sacar adiante" as contas e asegurou que tras o actual debate dentro dos partidos que conforman a coalición vai "dialogar con todos o grupo políticos" para ter orzamentos "canto antes".

En paralelo, o Goberno ten que remitir a Bruxelas un plan de reequilibrio fiscal a medio prazo, o primeiro documento deste tipo axustado ás novas regras fiscais europeas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade