O Gozo Festival 2024 vende 25.000 entradas nun día
O Gozo Festival 2024 vende 25.000 entradas nun día
Os billetes despachados son para o 6 de xullo, cando actuarán Ed Sheeran e Bomba Estéreo
A cita supón a primeira visita a Galicia do cantante británico
A organización do Gozo Festival 2024 confirmou este venres que, no seu primeiro día de venda de entradas, distribuíu xa 25.000 billetes para presenciar o concerto do próximo 6 de xullo, que contará co artista Ed Sheeran e o grupo colombiano Bomba Estéreo, entre outras actuacións pendentes de seren confirmadas.
As entradas para o evento, que se celebrará no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, puxéronse á venda este xoves a prezos que oscilaban entre 84 e 328,50 euros (as máis caras, en paquetes VIP), e rexistráronse 25.000 vendas. De feito, na web da promotora Live Nation xa figuran como esgotados os billetes de pista xeral (as zonas máis baratas e con tíckets limitados).
O concerto do 6 de xullo suporá a primeira visita de Ed Sheeran a Galicia, e a única data do artista en España, xunto co concerto de Tenerife, do 29 de xuño de 2024.
Ademais de Ed Sheeran, o equipo do festival confirmou a actuación do grupo colombiano Bomba Estéreo e asegurou que en breve se anunciarán outros artistas que actuarán nesa "noite histórica".