Veciños do Grove quéixanse do volume dos concertos da Festa do Marisco: "tremen as paredes"
Veciños do Grove quéixanse do volume dos concertos da Festa do Marisco: "tremen as paredes"
A carpa dos concertos sitúase este ano a poucos pasos das vivendas do Corgo
Reclaman un maior control do volume e dos horarios para poder descansar
Levan días sen pegar ollo, e a Festa do Marisco non remata ata o domingo. Son veciños da praza do Corgo, en pleno centro do Grove. Este ano a carpa dos concertos está pegada ás súas vivendas e o volume é tal que as paredes vibran.
"Ata as paredes dos armarios vibran, e estamos padecendo isto durante quince días que dura a festa".
"O problema é o volume, non podes meter grupos que tocan no Monte do Gozo a dez metros das casas".
"Vibran as fiestras, é como se durmises con elas abertas", din os afectados.
Aseguran que non teñen nada en contra da música nin da festa, coa que levan convivindo toda a vida no centro da vila, pero esixen control no volume e nos horarios, porque, tal e como explican nun escrito dirixido ao Concello, a situación este ano superou os límites.
"Estou curtido, levo toda a vida vivindo no centro, pero o deste ano non ten explicación. Temos a carpa pegada á casa, é imposible durmir, aquí viven nenos pequenos e xente maior, e nós tampouco podemos render no traballo".
"A min gústame a festa pero ten que haber un control, isto non é normal", explican os afectados.
Un problema engadido para estes veciños é que, cando rematan os concertos na carpa, o ruído trasládase a esta cafetería ata altas horas da madrugada coa música a todo volume. "Un nivel inadmisible", segundo a propia alcaldía, que xa advertiu a concesionaria para que baixe os decibeles.
Canto á carpa, o Concello explica que a resituaron para ampliar cabida e aforrar cartos. Inciden en que está orientada ao norte para diminuír molestias e que, malia ser sensibles ás queixas, se trata dun problema puntual dos días de festa.