O grupo xaponés Resonac merca os terreos de Alcoa para a súa fábrica de grafito
O grupo xaponés Resonac merca os terreos de Alcoa para a súa fábrica de grafito
Son 260.000 metros cadrados polos que pagará 18,4 millóns de euros
Unha parte dos terreos serán para a planta de hidróxeno verde de IGNIS
O grupo xaponés Resonac merca os terreos de Alu Ibérica na Coruña, a antiga Alcoa, por algo máis de 18 millóns de euros. O xulgado autorizou a venda das 25 hectáreas que ocupaba a fábrica de aluminio da Grela.
A multinacional pretende producir eléctrodos de grafito para coches eléctricos e deixar unha parte da parcela para a futura planta de hidróxeno verde de IGNIS.
Son 260.000 metros cadrados de superficie, que inclúen as edificacións e o material que albergan, agás o parque móbil.
O xulgado que leva o concurso de acredores autorizou a formalización das escrituras de compra venda a favor de Resonac, que pagará 18,4 millóns de euros.
Este grupo xaponés conta con 25.000 empregados en todo o mundo e un capital de 1.000 millóns de euros.
"En Resonac estamos orgullosos do impulso que esta operación vai significar para o grupo, que apostou desde o primeiro momento tanto polo noso país coma por Galicia. Queremos estender os nosos valores e a garantía de calidade do noso produto e do emprego que xeramos á actividade prevista nos terreos da Grela", explica César Castiñeiras, CEO de Resonac en España.
O proxecto deseñado por Resonac pasa por construír nos terreos de Alu Ibérica unha fábrica de grafito para baterías de coches eléctricos, pero aínda se está analizando a súa viabilidade, tanto técnica coma económica.
No plan participa a enerxética IGNIS, que contaría cunha parte da superficie, uns 60.000 metros cadrados, para construír unha planta de hidróxeno verde.
De momento, o primeiro paso tras a operación é acondicionar os terreos, traballos que está previsto que comecen nos próximos meses.