Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Comisión Europea propón axudar con 1,2 millóns 303 despedidos de Alu Ibérica

A Comisión Europea propón axudar con 1,2 millóns 303 despedidos de Alu Ibérica

O fondo serviría para axudar esas persoas a “atoparen novos postos de traballo con medidas de orientación e asesoramento personalizadas, formación profesional e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego”

EFE 16/03/2023 14:17

A Comisión Europea (CE) propuxo este xoves unha axuda de 1,2 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para 303 traballadores despedidos da factoría Alu Ibérica (antiga Alcoa), en concurso de acredores.

A CE indicou nun comunicado que este apoio axudará esas persoas a “atoparen novos postos de traballo con medidas de orientación e asesoramento personalizadas, formación profesional e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego”.

Bruxelas lembrou que España solicitou financiamento deste fondo para apoiar os traballadores de Alu Ibérica, que producía aluminio primario a partir de mineral extraído.

Esta axuda tamén permitirá aos traballadores recibiren formación nas competencias clave e os coñecementos que necesitan para atopar un novo emprego, incluídas capacidades informáticas básicas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura e axudas para obter o recoñecemento formal das súas capacidades e da súa experiencia laboral e de aprendizaxe.

Ademais, os participantes poderán beneficiarse dun incentivo de 200 euros ao mes durante seis meses se se reincorporan rapidamente ao mercado laboral.

Por outra banda, o financiamento da UE inclúe unha serie de incentivos financeiros para participar en actividades de procura de emprego e formación, unha contribución aos gastos de desprazamento e os gastos de coidadores de persoas dependentes, de modo que as persoas con responsabilidades asistenciais poidan participar nas medidas.

O custo total estimado destas medidas ascende a 1,5 millóns de euros, dos cales o fondo cubrirá o 85 % (1,2 millóns), precisou, e a Xunta de Galicia financiará o 15 % restante (225.000 euros).

A axuda aos traballadores elixibles comezou despois de que a empresa os despedise en maio de 2022 e se puxesen en marcha medidas adicionais financiadas con cargo a este fondo europeo durante este mes de marzo.

Para que a proposta de axuda da CE se poida aplicar, deberá tamén ser aprobada polo Parlamento Europeo e o Consello.

A Comisión puxo de relevo que o peche de Alu Ibérica “ten un impacto significativo no mercado laboral e na economía da Coruña debido ao seu tamaño (máis de 250 empregados e un volume de negocios superior a 130 millóns de euros), nun territorio en que o 93 % das empresas teñen cinco ou menos empregados".

Destacou así mesmo que a taxa de desemprego en Galicia se situou nun 10,6 % no cuarto trimestre de 2022, 4,5 puntos porcentuais por encima do 6,1 % de media da UE no mesmo período, mentres que este xaneiro a taxa de desemprego na Coruña era do 13,1 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade